Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 15/12/2024 | Actualizada ás 13:00
Achégase Noiteboa e, con ela, a hora de ir mercar xoguetes para os máis cativos da casa. Elixir o xoguete perfecto para un neno nunca é sinxelo, aínda que dende fai uns anos semella que os móbiles, as táblets e as consolas se convertiron no agasallo perfecto para calquer celebración, ese que nunca falla. Sen embargo, hai que ter en conta que o obxectivo dos xoguetes, ademais de entreter aos rapaces, tamén é lograr un correcto desenvolvemento de todas as súas habilidades, habilidades que nas idades máis temperás aínda están en proceso de desenvolvemento. É por iso que deixando o seu tempo de ocio nas mans das pantallas poderiamos estar perxudicando, aínda sen sabelo, o desenvolvemento de funcións fundamentais para o seu futuro, entre elas, por suposto, a visión. Dende o Galicia Confidencial falamos con Alexander Dubra, membro do Colexio de Ópticos Optometristas de Galicia, que afonda no importante que resulta elixir os xoguetes axeitados para cada idade co fin de lograr un correcto desenvolvemento da visión dos nenos.
"Os xoguetes son fundamentais para garantir o correcto desenvolvemento das habilidades dos nenos, incluída a visión", asegura Dubra, que explica que "o sistema visual humano, cando nacemos, aínda non está desenvolvido de todo", de tal maneira que "aprendemos a ver co paso do tempo". Agora ben, para poder aprender a ver "é fundamental facelo cos estímulos axeitados". É por iso que advirte de que "é moi importante que os nenos xoguen e interactúen co seu entorno durante o maior tempo posible". Isto contrapón a que semella ser a máxima actual: poñer aos nenos diante dunha pantalla para que estean tranquilos durante horas e horas. "Expoñelos a unha pantalla que os deixa como petrificados, evidentemente, non lles axuda ao correcto desenvolvemento da visión", alerta o óptico-optometrista, que pon o exemplo deses "nenos que están lendo un conto en papel e intentan ampliar as imaxes cos dedos ou pasar a páxina deslizando os dedos sobre a páxina, porque non son conscientes de que un libro é un obxecto en tres dimensións ao que teñen que dárlle a volta". Ao final, "están crecendo nun mundo plano, nunha pantalla", e para eles todo está en dúas dimensións.
"SE ANTES A MEDIA DE DIOCTRÍAS DUN ADOLESCENTE CON MIOPÍA ESTABA ARREDOR DAS 2 OU 3, AGORA XA ESTÁ ROZANDO AS 8"
O resultado? Ademais do problema que isto supón para o correcto desenvolvemento da visión, tamén acentúa as patoloxías. Como advirte Dubra, "debido ao uso excesivo das pantallas estamos vendo xa nestas xeracións de nenos que naceron e creceron cun móbil na man que a porcentaxe de miopes chegada a adolescencia é moito maior que antes e que, ademais, se antes a media de dioctrías dun adolescente con miopía estaba arredor das 2 ou 3, agora xa está rozando as 8". Algo que para o óptico-optometrista non resulta unha sorpresa, cando se pode ver que en calquera bar ou restaurante os nenos se atopan sentados no carrito co móbil na man durante toda a comida dos seus pais, para que non molesten. "Aí é onde se ve o importante que é o estímulo para a visión: se o sistema visual do neno se acostuma a ter estímulos a 20 ou 30 centímetros de distancia e non a máis, adaptarase a ver ben a 20 ou 30 centímetros de distancia", o que derivará no "sacrificio da visión de lonxe en beneficio da visión de preto", explica Dubra, que tamén resalta a importancia que teñen neste sentido "os xogos ao aire libre: correr, saltar, interactuar con outros nenos...".
Tanto é así que apunta a que "hai estudos que demostran que os nenos que pasan máis tempo xogando ao aire libre teñen menos miopía, aínda que non se sabe ben se é porque están estimulando máis a visión lonxana ou se tamén inflúen nisto outros factores, como a exposición á radiación ultravioleta, ao estar ao sol máis tempo". En concreto, a visión nun humano desenvólvese ata os 10 ou 12 anos, aproximadamente, aínda que o groso da mesma desenvólvesse ata os 4 ou 6 anos e, logo, xa vai progresando máis lentamente, ata chegar ao seu punto final aos 12 anos, que é cando o sistema visual queda completamente desenvolvido. É por iso que ata esas idades, alo menos, "é moi importante mercarlle aos nenos os xoguetes axeitados", fixándose tamén na idade recomendada polos fabricantes que aparece nas caixas, porque os fabricantes "deseñan os seus produtos pensando na idade das persoas que van xogar con eles e nas súas necesidades". Ademais, Dubra fai un apuntamento que é fundamental: "Hai que mercar xoguetes que lle gusten aos nenos, non aos pais" e que tamén favorezan o desenvolvemento da súa creatividade, algo que nas actuais xeracións se está perdendo, fronte ás anteriores.
"CANDO OS NENOS SON MOI PEQUENOS PRECISAN XOGUETES GRANDES E DE CORES MOI VIVAS E INTENSAS, QUE POIDAN TER PRETO"
E é que, aínda que comparativamente os nenos actuais contan con 20 veces máis diversidade de xoguetes que os seus pais e avós, como advirte o óptico-optometrista, "o xoguete estrela a día de hoxe é o móbil", porque consegue mantelos calados e que non molesten aos pais, cando, en realidade, "un neno precisa interactuar coas outras persoas e aprender a comunicarse con elas, porque é algo fundamental para os seres humanos". Fronte a isto, actualmente hai adolescentes aos que lles custa falar por teléfono con outras persoas, e que prefiren comunicarse sempre por escrito a través do WhatsApp. "Isto é algo que vai influír moito na sociabilidade dos mozos do futuro, xa que debemos ter en conta que os nenos que están medrando hoxe van ser os mozos e os adultos do mañá, e, se teñen problemas de comunicación durante o seu desenvolvemento, estes vanlles dificultar moito a vida no futuro", lamenta Dubra.
Entón, cales son os mellores xoguetes para estimular a visión dos nenos en función de cada idade? Cando os nenos aínda son moi pequeniños, dende o Colexio de Ópticos Optometristas de Galicia recomendan dárlles xoguetes grandes, que conteñan cores moi vivas e moi intensas, que lles chamen moito a atención e cos que poidan xogar de preto, pois "nos tres primeiros meses de vida a visión dun neno a máis de 40 ou 50 centímetros de distancia é bastante mala", polo que "xogarán mellor e máis facilmente con xoguetes que teñan preto que cos que están máis lonxe". Ademais, Dubra apunta a que, "nesas idades tan temperás, aos pequenos chámanlles moito a atención os brillos e as luces, pois estimúlanos moito", algo que tamén se pode aproveitar á hora de mercarlle os elementos móbiles que se sitúan na cuna, "moito mellor se cando os tocan se moven ou fan ruído, porque así aprenden que as súas accións teñen unha reacción". Xa cando o neno comeza a poder manipular os xoguetes coas mans, recoméndase mercarlle aqueles que combinan diferentes texturas, para que poida "ir asimilando a relación entre o estímulo visual e o táctil e mellorando a coordinación ollo-man".
"CANDO OS NENOS COMEZAN A GATEAR O IDEAL SON XOGUETES QUE LLES FAGAN DESPRAZARSE E, EN IDADES INTERMEDIAS, PUZZLES OU XOGOS DE MESA"
Seguidamente, cando o neno xa empeza a deambular e gatear e é quen de moverse por si mesmo, o ideal son xoguetes que poida perseguir e cos que se teña que desprazar, como unha pelota e outros xoguetes que se movan ou que desaparezan detrás dunha pantalla, para que os vaia buscar e os atope. E cando os rapaces van máis grandiños e xa contan con algo máis de habilidade manual, o agasallo ideal serían os puzzles, iso si, sempre axeitados á súa idade, "para que poidan estimular o formarse na cabeza a imaxe de como tería que chegar a quedar unha vez todas as pezas colocadas no tableiro". Conforme vaian cumprindo anos, a dificultade dos puzzles tamén ten que ir aumentando, con maior tamaño e pezas máis pequenas. Así mesmo, xa con esas idades intermedias, outro xoguete fundamental son os xogos de mesa, que "lles axudan a estimular a visión tridimensional, vendo as fichas colocadas no taboleiro e interpretando mentalmente cales poden ser os seguintes movementos dos seus contrincantes", o que "permite desenvolver moito a súa intelixencia visual", conclúe Dubra. E tamén en idades intermedias veñen ben para a visión "os xogos de construción, xa sexan tipo Lego ou de ladrillos que se apilan uns sobre os outros para formar figuriñas".
Con todo, e aínda que o abuso das pantallas non é recomendable a ningunha idade, o óptico-optometrista apunta que "tampouco hai que demonizar aos videoxogos", porque "tampouco é que unicamente sexan negativos para a visión", pois "o verdadeiramente malo está na luz das pantallas e na exposición prolongada ás mesmas", non nos videoxogos en si. E é que, de feito, indica que hai videoxogos que mesmo "axudan a desenvolver o campo visual periférico dos nenos, porque os forzan a intentar ver e controlar todo o que hai na pantalla", mentres que outros "axudanlles a desenvolver os movementos rápidos do ollo" e outros "a coordinación ollo-man". Aínda que estas habilidades tamén se poden desenvolver coa práctica de deportes, sen necesidade de videoxogos: ping-pong, fútbol, baloncesto, vóleibol, bádminton... "O problema non se atopa en que os nenos empreguen os móbiles, senón no abuso dos mesmos e en que ese abuso quita tempo aos rapaces para que xoguen cos xoguetes ou salan practicar deporte no exterior", plantexa Dubra, que aposta por "lograr un equilibrio entre todo".
"AÍNDA QUE AS LUCES DE NADAL LLES CHAMAN MOITO A ATENCIÓN CANDO SON PEQUENOS, UN EXCESO DE RADIACIÓN PODE SER PERXUDICIAL PARA ELES"
Así mesmo, dende o Colexio de Ópticos Optometristas de Galicia tamén recomendan aos pais que adiquen tempo a xogar cos seus fillos, para identificar problemas visuais (e tamén doutro tipo) canto antes. Deste xeito, por exemplo, "se cando lles pasan a pelota se percatan de que o neno nunca a colle ben e sempre agarda primeiro a que lle golpee antes de collela, pode ser que o rapaz teña un problema de visión e non vexa ben a pelota, ou que si a vexa ben, pero que non conte coa capacidade visual suficiente como para calcular a distancia de maneira correcta". Dubra tamén apunta neste sentido a que "hai moitos nenos que cando son pequenos teñen un ollo vago, un ollo que non ve ben, de maneira que só vén de maneira efectiva por un ollo e, por tanto, non perciben o espazo en tres dimensións, senón en dúas, polo que carecen da percepción de profundidade". Por este motivo, exemplifica, "hai nenos que calculan mal as distancias e que caen polas escaleiras ou cosas semellantes, porque non vén unha escaleira que baixa ou que sube, senón que vén o chan plano, e perciben os chanzos como liñas horizontais, non ascendentes ou descendentes".
Finalmente, e como advertencia de cara a esta época na que as cidades e as propias casas se enchen de luces brillantes e de cores, o óptico-optometrista pide que "non se teña aos nenos moi preto delas nin véndoas durante un tempo prolongado", pois "aínda que as luces de Nadal lles chaman moito a atención cando son pequenos, un exceso de radiación pode ser perxudicial para eles e mesmo poden quedar deslumbrados e incómodos posteriormente". Desta maneira, recomenda que "sempre se lles expoña a estas luces á maior distancia posible" e, no caso daquelas que se poñen na casa, recomenda que "se evite que sexan moi intensas ou potentes, para que non causen molestias aos nenos". Ao final, como indica, "só se trata de ter un pouquiño de coidado", xa que, "ao igual que co móbil, o segredo está en non excederse". De feito, tamén apunta á necesidade de protexer os ollos dos máis pequenos do sol durante os invernos, ao igual que se fai nos veráns, porque "durante esta época do ano o sol está máis baixo e, como non pega tan forte como no verán, seméllanos que non hai que protexer os ollos del, cando, en verdade, é cando máis nos deslumbra". Neste sentido, asegura que non é preciso poñerlle gafas de sol aos nenos, pero si está ben un gorriño ou un sombreiriño.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.