Por Galicia Confidencial | Celanova | 14/12/2024 | Actualizada ás 17:12
Dúas ducias de veciñas e veciñas das comarcas da Limia e das Terras de Celanova camiñaron este sábado desde Sanguñedo (Verea) até as corgas de Cantanarrá, para reclamar desde unha centenaria carballeira que ocupa a faldra norte do Monte Grande unha moratoria eólica sobre as áreas de desenvolvemento eólico que, como a do Vieiro, xa foron obxecto de proxectos para a instalación de macropolígonos rexeitados na avaliación ambiental polo organismo competente.
A plataforma STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA anunciou ademais que promoverá personacións, dos Concellos afectados (Bande, Verea, Rairiz de Veiga e Porqueira) e das Reservas da Biosfera Xerés-Gerês e de Allariz, así como de colectivos ambientalistas e culturais, ademais de persoas afectadas a título individual, no procedemento do proxecto Cantanarrás -dez aeroxeradores de case 200 metros na mesma zona onde un plan anterior de Greenalia foi rexeitado o ano pasado-, en trámites previos na Xunta.
AEROXERADORES DE 200 METROS DE ALTO
“Mobilizámonos no 2021 para protexer a carballeira da Fontesanta, a Lagoa Grande, todas augas do Monte Grande, a avifauna que garda a Veiga de Ponteliñares e toda A Limia, a paisaxe ás portas do Xurés... e agora volven co mesmo proxecto, máis agresivo, con aeroxeradores máis grandes e máis próximos á Veiga, e rodeando a Lagoa, que xa por fin é humidal inventariado, e temos que protexer deste outro lado estoutra carballeira centenaria, e o patrimonio dende o Castro do Outeiro até as Mámoas de Penamá, e o dereito á auga e á saúde das veciñas e veciños das aldeas de Verea, Bande e Rairiz”, manifestou unha portavoz da plataforma, acompañada por membros doutros colectivos ambientalistas como Salvemos a Martiñá, Amigas das Árbores e o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), no remate da marcha.
A cita serviu ademais para contestar outro proxecto de macroparque nesta comarca e xa en exposición pública: o denominado P.E. Arnoia que proxecta os aeroxeradores máis altos do país (220 metros) nos montes que separan o Arnoia do Miño en Cartelle. A plataforma STOP EÓLICOS A LIMIA XURÉS CELANOVA xa puxo a disposición da veciñanza un escrito de alegacións contra este proxecto e comezou a campaña de recollida e rexistro de alegacións, que ten de prazo até o 16 de xaneiro.
HOMENAXE A ÁNGEL MARTÍNEZ NOVOA
Dende os penedos no punto máis alto da marcha, sobre a carballeira de Cantanarrás, rendeuse unha pequena homenaxe a Miguel Ángel Martínez Novoa, un dos fundadores do MEL, falecido recentemente, e impulsor entre outras moitas, da loita contra a invasión eólica nas nosas comarcas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.