Por Galicia Confidencial | Barcelona | 15/12/2024 | Actualizada ás 20:00
Máis de 300 persoas concentraronse este domingo na praza da Vila de Gràcia de Barcelona á mesma hora que milleiros de persoas o facían en Compostela baixo o lema ″A Xunta non pode calar todo un país". O seu obxectivo, protestar contra a instalación da fábrica de fibras celulósicas en Palas de Rei.
A comunidade galega crítica residente en Cataluña quixo mostrar a súa solidariedade coas protestas que levan meses desenvolvéndose contra este proxecto, cunha crecente participación da sociedade galega e de diversos actores e outros membros do mundo da cultura, como Luis Zahera ou Luis Tosar.
Durante o acto coreáronse lemas contra a implantación desta fábrica como "Altri non" ou "A auga é nosa e non da celulosa". Diversos membros da Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB), organizadora do acto, leron un manifesto en catalán e en galego no que se reivindicou a necesidade doutro modelo de desenvolvemento económico para Galiza que non beneficie as grandes empresas en detrimento da cidadanía. Na lectura tamén se recordaron loitas pasadas como a de Nunca Máis, hai 23 anos, que acadou a solidariedade da sociedade catalana.
"DECONSTRUÍR O CASTELO DO CACIQUISMO"
Tamén se leu o manifesto da Plataforma Ulloa Viva que se estaba lendo asemade na gran manifestación de Santiago de Compostela. Ao final do acto houbo unha performancia realizada por Furafollas Agrupación Teatral na que se construíu e desconstruíu o "Castelo do Caciquismo", denunciando como as presións das grandes empresas inflúen nas decisións das institucións, e representando como se pode organizar a sociedade de maneira horizontal. A protesta rematou como comezou, cunha cantiga popular galega coa letra adaptada ao son das pandeiretas da ACGB. Durante o acto repartíronse e venderon diversos materiais como dípticos, adhesivos ou camisolas.
O acto contou co apoio explícito da Plataforma Ulloa Viva, da Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa, de organizacións ecoloxistas como Ecologistes en Acció ou Els Verds de Badalona, así coma doutros colectivos activistas ou políticos de Cataluña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.