Traballadores nas Illas Atlánticas, a dificultade de ser único

Os traballadores do Parque Nacional das Illas Atlánticas están chamando a atención sobre as condicións laborais en que desenvolven as súas tarefas. Desde instalacións deficientes nalgunhas das illas até a presenza dun só responsable durante o inverno coas dificultades engadidas. A isto únenlle a necesidade dunha maior e mellor formación de cara a prestar uns servizos para os que din non estar preparados.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 20/08/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Parque Nacional das Illas Atlánticas pasou a ser xestionado polo goberno autonómico en 2008. Formado por catro arquipélagos (Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora) e as augas que os arrodean (o 87% da superficie total do parque), este espazo para protección da biodiversidade conta cun cadro de persoal que leva tempo reivindicando unha maior atención por parte das autoridades, máis que nada, pola súa singularidade. Esta singularidade é o motivo polo que os e as empregadas do Parque das Illas Atlánticas reivindican unha mellor observancia das súas condicións laborais, sobre todo no aspecto psicosocial.

Control de visitantes nas Cíes
Control de visitantes nas Cíes | Fonte: Roberto Castiñeira


NON É UN PARAÍSO

Roberto Castiñeira, vixilante na illa de Sálvora, oiu como máis dunha vez lle dicían “que ben estades aquí, vivides nun paraíso”. Frases como esa para Roberto son “cousas que aínda te queiman máis, porque as oes a diario, mesmo do teu xefe, estades de marabilla”. Castiñeira atribúe isto á unha imaxe “idealizada” do traballo nun parque insular, sobre todo cando vén a época estival. Moi poucas persoas son conscientes de que durante os meses de inverno estas persoas permanecen moitas veces illadas no medio do mar, ás veces incomunicadas coa costa e sen poderen regresar no día e hora que finalizan a súa quenda.

A xestión dos parques nacionais pasou ás Comunidades Autónomas por sentenza do Tribunal Constitucional. En 2004 iniciouse o proceso de transferencias. A Xunta asumiu as súas competencias en 2008. Dentro do parque traballa persoal divido en categorías profesionais: axentes medioambientais, vixilante de recursos medioambientais e capataces. Hai axentes coa súa praza por oposición, mentres que outra parte importante son empregados laborais. Nun primeiro momento traballaron directamente para a Xunta, logo foron transferidos á empresa Tragsa.

Esta última empresa “ao final botou a estes traballadores que foron a xuízo e o tribunal declarou que esta fora unha cesión ilegal de traballadores da Xunta a Tragsa, polo que agora son laborais indefinidos” di o axente medioambiental Pepe Bernárdez, que desenvolve o seu traballo nas Cíes. De momento non se convocaron oposicións para estes traballadores co que o grao de interinidade é elevado entre o colectivo que forma o persoal das Illas Atlánticas. Ademais disto, aínda que se gañe o posto por oposición, o persoal pode ser trasladado dun arquipélago a outro. “Temos o posto no parque mais non na illa en concreto”.

Embarque de lixo na illa de Sálvora
Embarque de lixo na illa de Sálvora | Fonte: Roberto Castiñeira

OS PROBLEMAS DO PARAÍSO

O convenio laboral que afecta a estes traballadores é o de Axentes Medioambientais, mais o convenio non recolle as características do persoal das illas. “Buscamos que se recolla o feito de insularidade, isto tradúcese nunha semana de traballo e outra semana na casa” sinala José Arca, axente medioambiental na illa de Ons que tamén deixa claro que nese convenio deberan estar recollidas as horas extraordinarias.

Nós non sabemos como computan as nosas horas. Por exemplo, o día de relevo, a persoa que sae teoricamente está libre, mais está alí, esas horas non se computan, son horas perdidas que non van para ningún lado”, di Castiñeira. En total son 1.600 horas por ano as recollidas no convenio, mais esas son as horas contadas se se traballa no continente. “Ademais diso, tamén estamos ao dispor de sermos chamados e realizar accións para as que non estamos preparados” di Arca.

Isto último, a formación, tamén forma parte do conxunto de reivindicacións de axentes, vixilantes e demais persoal do Parque. “Necesitamos formación en primeiros auxilios, en navegación básica para levar embarcación oficial, en mergullo porque é un parque mariño, algúns si fixeron ese curso mais pola súa conta e tamén cursos de idiomas” apunta Pepe Bernárdez.

“No meu caso, en Ons, teño que manexar maquinaria para cargar palés, ter preparados os contedores co lixo para seren embarcados e reciclados e o peirao é un lugar perigoso” sinala Castiñeira. “Moitas veces temos que ser nós quen controle o sistema calefactor, sexa de gas ou por placas solares, controlar o Ph da auga na illa e todo isto necesita de formación específica” di José Arca.

QUENDAS, CONCILIACIÓN E VALORACIÓN PSICOSOCIAL

O reparto das quendas de traballo fanse de semana en semana. Unha semana destinado na illa e outra en terra. “Se polo mal tempo non podes saír da illa, ese día descóntase doutra quenda” sinala Bernárdez. Á parte disto, son os mesmos traballadores os que fornecen a súa estancia nas illas levando eles os seus víveres para unha semana. O diñeiro adiantado polo persoal do Parque élles devolto en concepto de “dietas” que “en realidade é un indemnización por termos adiantado cartos para fornecernos” sinala Castiñeira. Aínda así, ás veces estes empregados sinten como desde a Administración se quere “fundir” dentro do salario as indemnizacións como se fosen extras.

Outro dos puntos máis complicados para este persoal é a conciliación familiar. “Este é un destino pouco desexado por moitos traballadores porque, por exemplo, durante o inverno pola noite son moitas horas en que un está só e ás veces unicamente con traballo administrativo” di Bernárdez. “A parte psicosocial deste traballo non se tomou en conta” apunta Castiñeira . “Conciliar é difícil porque isto é como embarcar, durante unha semana non estás na casa e a túa parella está a cargo de todo” remata Arca.

Por último está a responsabilidade que cae sobre estes empregados en canto manter a contorna e a orde. Nalgúns casos, como o das Cíes, o destino debera promocionarse máis como parque natural e “non como unha praia”. Noutras illas é frecuente que “haxa xente que organice botellón e o único que podes facer é pedirlles que non excedan”. En tal caso, as incidencias de orde pública corresponden á Garda Civil ou á Policía Nacional.

As condicións de aloxamento tampouco son das mellores “aínda que nalgúns casos si se fixeron cambios para positivo”. Coa COVID sería necesario ampliar o número de cuartos independentes sen que dous empregados tivesen que compartir o mesmo espazo, nin que brigadas de traballadores de limpeza ou mantemento compartillen cabanas con persoal do parque.

Son varias as casuísticas que arrodean o traballo dos funcionarios e empregados do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Dito isto, nos últimos tempos circula o rumor de que a Xunta podería crear un estatuto propio para este persoal. Se fose así, serían case unha nova categoría laboral dentro do persoal da Xunta. Mais polo de agora as cousas continúan como estiveron sempre.

Recollendo lixo mariño en Sálvora
Recollendo lixo mariño en Sálvora | Fonte: Roberto Castiñeira
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta