Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2021 | Actualizada ás 19:16
Os equipos de traballo de Gonzalo Caballero (PSdeG) e da dirección de Ferraz teñen fixada unha reunión a próxima semana para tratar, de forma conxunta, os asuntos relativos aos procesos internos pendentes: as primarias para decidir secretario xeral en Galicia e o Congreso galego, dúas citas que se celebran unha seguida da outra.
Fontes socialistas consultadas por Europa Press encadraron esta reunión da próxima semana "na liña de traballo habitual e conxunto" que manteñen ambas as direccións e aseguran a "boa, continua e fluída" relación entre as dúas secretarías de Organización, galega e federal.
Neste sentido, as mesmas fontes consultadas afirman que tanto as primarias para elixir a secretario xeral como a data do Congreso son cuestións que se abordan de forma conxunta entre ambas as direccións.
Precisamente, a situación interna no PSdeG precipitouse nas últimas semanas tras o artigo do secretario de Organización, José Antonio Quiroga, no xornal 'El Progreso' no que arremetía contra o exsecretario xeral José Ramón Gómez Besteiro e o actual presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso por supostas 'manobras' contra o dirixente socialista.
Gonzalo Caballero, desde entón, evitou pronunciarse sobre o seu número dous, a pesar das múltiples preguntas xornalísticas e mesmo as voces no seu partido que pedían desautorizar as palabras vertidas por Quiroga.
O secretario xeral do PSdeG si dixo, no entanto e entre outras cuestións, que falaría no seu momento cando correspondese e que todos os cargos socialistas debían estar ocupados nas súas institucións respectivas e centrados no seu labor público.
Este último aspecto si o recolleu o número dous de Formoso e portavoz no Concello da Coruña, José Manuel Lage Tuñas, pero que devolveu pedindo aos aqueles socialistas que están na "oposición, que a fagan, pero ao PP". O PSdeG forma parte da oposición na Cámara galega, co propio Caballero á cabeza.
CONGRESO
As mesmas fontes socialistas indicaron que o Comité Nacional Galego do PSdeG ten a facultade de convocar o congreso --que se celebra despois das primarias á secretaría xeral--. Polo momento, lembran, nin o Comité Nacional nin a Comisión Executiva aprobaron propostas de calendario do congreso, que se celebrará antes de mediados de decembro.
O pasado 7 de agosto, o secretario xeral do PSdeG trasladou que a Comisión Executiva Nacional xa abrira o proceso para iniciar a elaboración do relatorio para o próximo congreso autonómico.
Neste sentido, explicou que galeguismo e federalismo, ecoloxismo, feminismo e compromiso de esquerdas serán as grandes liñas do PSdeG para "fortalecer e impulsar unha reactivación que priorice e chegue ás persoas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.