Hai uns días a líder da oposición creou unha pequena tempestade na pequena burbulla da política galega. Burbulla tan artificialmente pequena coma a madrileña é artificialmente grande (ambas cousas están relacionadas) namentres que a bruxelense quere pero non é quen. O caso é que Pontón fixo un xesto de reflexión que parece sacado do caixón dos efectos dun político galo ainda que tamén podería terse sacado do bolso de Nicola Sturgeon.
Logo soubemos polas páxinas deste medio e doutros que, independente da reflexión vital (por algo as mulleres e nais do noso país, mesmo sen estar política, teñen o modo de vida máis estresante de Europa), está a cuestión da autonomía verbo do que os cronistas do Correo Gallego chaman “el sanedrín de los upegallos”. Partido ao que a propia Pontón pertence e que ante a debacle do 2012 a avellentada columna vertebral do Bloque confioulle a misión imposible de salvar a fronte, como así ocorreu catro anos despois. Agora coa expectativa do liderado da oposición semella que colleron medo e temen, iso din as crónicas, que vaia falar con Amancio Ortega, Tojeiro e mesmo co “Club Financiero de Vigo” aquel das dúas torres inimigas do urbanismo e que durante o bipartito sacara un informe no que afirmaba que falar galego era malo para a (súa) economía.
Non sei se esa interpretación do xesto pontoniano será certa ou non. En todo caso lémbrame ao xa contado nestas páxinas que, trala irónica catástrofe que para os nacionalistas escoceses supuxo que lles deran un parlamento autonómico en 1999, a longa marcha ate a vitoria minoritaria de 2007 fíxoa o breve ex-lider e eterno segundo do partido John Swinney. Armado cun PowerPoint, foi facer as rondas dos despachos das forzas vivas escocesas. Non para convencelos, senón para que lle outorgasen o beneficio da dúbida se se daba o caso de chegar ao poder, como foi o caso. Os críticos dixeron e din que a súa política se baseou desde entón en pórlle a bandeira escocesa ao blairismo, pero o certo que non estarían onde chegaron en 2014, a só un 5% de acadar seu obxectivo fundacional, se non pasaran por ese trance.
Voltando a Galicia, temos o caso de ENCE ou o das eólicas. Moita retórica nestes días sobre os abrazos efusivos de Feijóo e as manobras de Rajoy. Así coma da defensa da lei medioambiental (europea), esa mesma que impediu a ampliación do Prat. Todo lóxico e previsible. Agora ben, explicouse cal é a estratexia dese partido cara un bo clima de investimento empresarial? Se un le, e é recomendable facelo, o plan GalizaNext para os fondos europeos post-COVID, algo diso proponse, pero logo non se transmite. Co cal lle fas o xogo ao goberno amigo do palco do Bernabeu.
Todo isto suscítame unha comparación máis ampla. A comezos dos anos 50, o mozo Claude Lanzmann, recentemente saído da universidade e en viaxe iniciática, baixou dun mercante no porto Israelí de Haifa. Era fillo dunha boa familia xudía nunha Francia que só seis anos antes deixaba metelos en trens de gando (menos có que se pensa, daí a vizosa comunidade hebrea nese país). Ao desembarcar, o que lle chamou a atención, dixo, foi que no barrio do peirao había prostitutas, non por selo senón porque eran xudías e falaban hebreo. Cousa inverosímil vindo dun país onde os xudeus eran comerciantes ou avogados (ainda que a famosa “La Haine” de Mathieu Kassovitz nos amosa que tamén alí había de todo). Anos despois, Lanzmann fíxose famoso por longos e moi franceses documentais sobre o Holocausto e sobre Israel (“Pourquoi Israel”). Neste último, rodado nos 70, aparece un grupo de turistas xudeus de Filadelfia amosando a súa incredulidade de atopar supermercados xudeus, produtos de uso corrente en hebreo e, mesmo, policías xudeus, como se Israel fose un país tan normal coma quen di, Bélxica. Todo un choque para quen, coma eles, se criou asumindo a condición de xudeu como algo privado, espiritual, reservado a certos roles e profesións, nas marxes do que a maioría social permita ou tolere, pois a alba de groria en Xerusalén sempre se deixa para o ano que vén.
Ós puristas non se lles ocorrería estudar o caso israelí en razón do pecado orixinal da súa creación, por moito que fose fundado por comunistas co único modelo colectivista que se implantou nunha democracia occidental. É o que ocorre coas utopías, o que comeza cun soño socialista acaba co tempo converténdose nunha macropromoción inmobiliaria e contratos da industria de defensa. Pero non por iso ós fundadores se lles ocorrería renegar do país que é hoxe, por moito que non lles guste.
De feito foron eses pioneiros os que mercaron armas checo-soviéticas con capital norteamericano, e conseguiron que as dúas superpotencias votaran a creación do estado xudeu. O Demo e o Diaño non existen no mundo real, iso sábeo ben o noso refraneiro e a maioría da poboación galega.
Abandónanse nestes días ás mulleres afgás en condicións peores cás saudís e semellantes ás de Sudán, país que ninguén pide que se invada, como tampouco a inmiscirse “niso” que está a pasar no noroeste de China, tamén chamado Turquestán, ou na supresión do mongol nas escolas desoutra provincia chinesa. Gobernar é escoller, a miúdo entre dúas malas opcións. E tratar con xente que non che gusta.
Subcontratar a ideoloxía ás facultades elitistas da universidade norteamericana fai que a base de coleccionar bandeiras e coloríns se esqueza o que antes se chamaban as condicións subxacentes. Sumar parroquias non supón en si unha alternativa. A pornografía ou a “Cosmopolitan” son machistas, pero se as houbese en galego sería que somos un país tan normal coma non digo xa Islandia ou Eslovaquia, senón alomenos Quebec ou Flandres.
A ´normalidade´ non é en si algo positivo, e moito menos algo que non haxa que cambiar, pero estar nela é estar no mundo, non en retirada. Xa se sabe o que pasou no século XX con aquilo de pasar dunha sociedade agraria en decadencia á utopía socialista sen pasar polo estadio capitalista.
A confusión, cando non o cacao, de referentes impide vernos a nós mesmos, ou excluír á maioría social, esa que non nos gusta, dun proxecto común de futuro.