Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2021 | Actualizada ás 15:57
A Xunta requiriu ao Reino Unido que "recoñeza" a validez dos certificados emitidos en lingua galega despois de que algunhas aerolíneas rexeitasen este verán test de antíxenos escritos en galego como proba para poder voar.
Unha proba que, en todo caso, "non tiña validez" para poder tomar un avión, como recalcou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en resposta a unha pregunta parlamentaria formulada pola deputada do BNG Mercedes Queixas sobre as queixas presentadas por varios cidadáns aos que distintas compañías aéreas non deixaron voar a Reino Unido por presentar unha proba negativa ao covid-19 en test de antíxenos escrita no idioma de Galicia.
A problemática xurdiu despois da apertura á poboación en xeral da posibilidade de realizar os coñecidos como 'autotests' de antíxenos nas farmacias. Tras a autorización do Goberno central, en Galicia empezaron a levar a cabo grazas a un convenio co Colexio de Farmacéuticos, froito do cal se realizaban unhas probas que emitían un documento escrito en galego.
García Comesaña incidiu en que a Administración galega advertiu "por activa e por pasiva" que este tipo de proba non tiña validez como proba negativa de coronavirus para tomar un avión, aínda que admitiu que "algunhas compañías" si o admitiron para voar.
En todo caso, afirmou que, no momento en que a Xunta tivo constancia de que algunhas aerolíneas rexeitaban estes certificados por estar escritos en galego, o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, enviou unha carta ao embaixador do Reino Unido para instar as autoridades británicas a corrixir este episodio de "discriminación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.