Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2021 | Actualizada ás 09:00
A granxa Casa Grande de Xanceda continúa coa súa campaña pola adopción de cans sen fogar, que vai xa pola súa cuarta edición, e pretende atopar unha casa para un total de oito animais actualmente situados en refuxios e protectoras. A explotación coruñesa vén de arrincar este cuarto asalto co obxectivo de lograr un fogar de acollida para cada un dos animais refuxiados, algúns dos cales contan con traxectorias vitais marcadas polo abandono.
É o caso de Hamlet e Garem, dous cadelos actualmente custodiados pola protectora de animais de Vilagarcía de Arousa. Segundo explican dende a granxa, Hamlet chegou á protectora o mesmo ano no que naceu, 2012, e alí leva nove anos. “Como é un can adulto é cariñoso e educado”, explican. “A Garem atopárono en 2014 con múltiples feridas. Ten nove anos e leva sete no refuxio. Lévase ben con outros cans e é moi bo xogando”, refiren, a respecto do outro animal.
Hamlet e Garem compartirán espazo cos outros seis cans que, durante un mes e medio, serán os protagonistas do paquete de máis de 300.000 iogures producidos pola granxa localizada na provincia da Coruña. Dende a explotación destacan a “boa acollida” da edición pasada, que rematou con todos os cans adoptados, e agardan que esta se volva repetir.
Deste xeito, a marca destaca a necesidade de tomar conciencia para "frear o abandono" destas mascotas cando deixan de ser apreciadas nas casas. Segundo destacan as mesmas fontes, o Estado Español figura todos os anos nos primeiros postos de abandono de animais na UE. "En 2020 abandonáronse 286.000 gatos e cans, segundo datos da Fundación Affinity. Esta é unha situación contra a que loitan asociacións e protectoras pero que se repite ano tras ano. Por primeira vez nos últimos años, os factores económicos colócanse á cabeza dos motivos declarados de abandono. En 2019, representaban o quinto factor. Estas cifras sinalan o impacto que a crise da covid-19 tivo nas economías familiares", resumen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.