Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 19/09/2021 | Actualizada ás 22:00
O pasado 22 de xullo o Consello da Xunta autorizou o inicio da tramitación do Anteproxecto de Lei para a creación da sociedade para a xestión do ciclo integral da auga S.A. Dito anteproxecto estivo a exposición pública até o 15 de setembro de 2021. Este ante anteproxecto presenta algunhas novidades como son a inclusión dos “usos urbanos” dentro do canon da auga, punto que agora mesmo non existe. A isto engádese gravar as perdas de auga dentro da rede de abastecemento ademais de crear unha nova categoría de uso da auga: usos urbanos, que até o de agora non existía. Desde os grupos da oposición de momento existe unha postura de “espera” ante os anuncios que poda facer a administración galega e se o anteproxecto inicia o seu percorrido parlamentario.
LEI DE AUGAS E ANTEPROXECTO
O anteproxecto de lei que presentou a Xunta ofrece unha serie de cambios sobre a subministración de auga competencia do goberno autonómico. Actualmente as competencias da Xunta son aplicables ás augas interiores dentro do territorio galego, segundo o establecido no marco do Estatuto de Autonomía. Desta maneira o executivo galego pode ordenar administrativamente a xestión de auga superficial e subterránea entre outros puntos. As competencias tamén se reflicten na lei de Augas de Galicia de 3 de decembro de 2010.
Actualmente a entidade que rexe sobre as competencias da Xunta en materia de xestión de auga é Augas de Galicia. Esta empresa pública vinculada ao goberno galego, réxese polo decreto 23/2012. Basicamente, creouse para a xestión de recursos hídricos de competencia autonómica ademais do seu aproveitamento. Augas de Galicia tamén ten capacidade de control, vixilancia e proposición de sancións por incumprimentos de normativas.
A isto todo hai que engadirlle o canon da auga, un ributo con finalidade ecolóxica sobre o uso da auga que grava o consumo e a contaminación. O seu obxectivo é fomentar unha utilización máis eficiente. Este canon vén reflectido na factura que pagan os e as consumidoras. En Galicia está o decreto 136/2012, do 31 de maio, que o regula.
CRÍTICAS AO ANTEPROXECTO
As críticas comezaron a caer sobre o anteproxecto desde a Deputación de Pontevedra. Nun informe elaborado polo goberno provincial pontevedrés, presidido pola socialista Carmela Silva, o segundo parágrafo do mesmo sinala que se crean dous novos canon da auga que substitúen o canon de coeficiente de vertedura. A estes dous súmaselle outro novo canon de xestión de abastecementos e abre a posibilidade de gravar as perdas de auga en redes de abastecemento.
En relación co Canon por xestión de depuradoras e o Canon de xestión de rede de colectores, servizos son realizados por Augas de Galicia. As diferenzas co actual cálculo “atopámolas no seu feito impoñible, o servizo de depuración de augas residuais no primeiro caso e o servizo de explotación de colectores para a condución de augas residuais á depuradora no segundo”.
O cálculo dos diferentes canon faranse mediante un réxime de estimación directa en función do volume de auga utilizada. Non obstante, segundo as circunstancias, tamén se abre a posibilidade de facer cálculos mediante réxime de estimación obxectiva. Ademais engadiranse ao cálculo do canon novos usos como os “usos urbanos”, non existentes na actual lexislación. O informe da Deputación de Pontevedra estima que o aumento da factura da auga chegará ao 180% de aplicarse os cálculos do anteproxecto.
SOCIEDADE MERCANTIL
A intención da Xunta vén fixada no artigo 1 do anteproxecto de lei: “autorízase ao Consello da Xunta de Galicia para a creación da Sociedade mercantil pública autonómica para a xestión do ciclo integral da auga con carácter de Sociedade anónima e coa referida denominación, a cal se adscribirá á Consellería con competencias en materia de augas”.
Esta nova sociedade, segundo o artigo 3 do anteproxecto de lei “rexerase polo ordenamento xurídico privado, salvo nas materias que lle sexa de aplicación a normativa orzamentaria, contable, de control financeiro e de contratación pública. En ningún caso lle poderán ser atribuídas facultades que impliquen o exercicio de potestades públicas”.
Estariamos diante da privatización do servizo de augas? O deputado socialista Pablo Arangüena sinala que o texto legal proposto “pode abrir a porta a privatizacións na medida en que tende a mercantilizar un ben tan básico como é a auga”. Outro punto é que a Xunta “busca” a implicación das administracións provinciais e locais. No caso dos concellos, Arangüena considera que a Xunta quere “trasladar costes de abastecemento e saneamento que debería asumir a Xunta a concellos e cidadanía”.
Pola súa parte, o BNG solicitará a retirada do anteproxecto de Lei e reclamará a apertura dun proceso de negociación coas forzas políticas e "coas distintas institucións, fundamentalmente os concellos e as deputacións que son as principais vítimas deste anteproxecto". Os nacionalistas galegos valoran que existe unha finalidade "fundamentalmente recadatoria e considera que Xunta debe acometer unha planificación xeral do abastecemento e do saneamento, tal e como prevé a lexislación vixente".
O Anteproxecto de Lei para a Creación da Sociedade para a Xestión do Ciclo Integral da Auga S.A., acaba de abrir unha nova fronte política sobre un dos recursos máis valiosos dos que se dispón, a auga. En tal caso, de saír adiante a proposta da Xunta de Galicia para crear unha sociedade xestora integral da auga, será para algúns a primeira fase de privatización da auga que bebemos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.