Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/09/2021 | Actualizada ás 19:30
A Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela emitiu un comunicado no que lamenta a situación provocada polos botellóns que se producen en diversos puntos da cidade, pero cre que a solución "non pasa por cargas policiais cando xa non é viable controlar as aglomeracións", que "perturban a convivencia".
"Desde o sector da hostalaría denunciamos desde hai meses a incongruencia de non poder traballar cos nosos horarios e capacidades ofrecendo un lecer controlado, mentres que os parques, as praias e as prazas das cidades convertíanse en botellódromos coa conivencia das administracións públicas locais e autonómica. Coa súa inacción consentiron e promoveron a cultura do botellón como alternativa á hostalaría nocturna", denuncia a Asociación.
Ao seu modo de ver, o inicio do curso universitario evidencia que, coas medidas de capacidade e horarios actuais, "a cidade non ten capacidade para acoller a demanda de lecer, derivando en botellóns e aglomeracións en espazos públicos".
No comunicado, repasan a situación sanitaria da comarca e volven esixir "traballar co cento por cento de capacidade e o horario que se estipula" nas súas licenzas.
O PP DE PONTEVEDRA PEDIRÁ XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE
Co transfondo das últimas aglomeracións, este sábado o PP de Pontevedra anunciou que solicitará a convocatoria da Xunta Local de Seguridade para abordar a inseguridade xerada polos últimos botellóns e o consecuente "aumento de pelexas".
A concelleira do PP de Pontevedra Silvia Junco realizará un rogo no próximo Pleno para que o alcalde convoque esta reunión. "Existen unha serie de problemas que están a xerar unha sensación de inseguridade na cidadanía", trasladan os populares nun comunicado.
No rogo, que Junco rexistrará os próximos días, faise referencia a botellóns no centro histórico, ao aumento de pelexas en locais de lecer nocturno, e solicítase información sobre roubos en locais e vivendas. Junco, ademais de demandar a convocatoria deste órgano, pide o reforzo do control policial do lecer nocturno, así como maior presencial policial nas rúas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.