Por E.P. | Santiago de Compostela | 27/09/2021 | Actualizada ás 18:08
A mutualidade Muface, dependente do Ministerio de Facenda, decidiu dar marcha atrás na súa decisión de pechar a oficina de Santiago de Compostela, polo que se manterá operativa. Diso informou este luns a directora xeral de Muface, Myriam Pallarés, ao representante da CIG no Consello Xeral da mutualidade, segundo sinala o sindicato.
Respecto diso, a CIG valora que as mobilizacións evitasen o peche, despois do anuncio de que, a partir do 30 de setembro, Muface tiña previsto centralizar o servizo provincial da Coruña nunha oficina da cidade herculina. Esta decisión prevese que se confirme este martes, 28 de setembro, na reunión do Consello Xeral de Muface.
Por iso, a CIG decidiu desconvocar a protesta que tiña previsto celebrar este luns ante a oficina situada na compostelá Avenida Rosalía de Castro.
Sobre este extremo, a concelleira do BNG en Santiago, Navia Rivas, valorou que se manteña aberta a oficina, á vez que mostrou o seu apoio ás persoas usuarios do servizo de Muface. Lembra que o Bloque presentou unha iniciativa no pleno municipal para reclamar a súa apertura con persoal e recursos.
"Ao suprimir este servizo, Muface ía deixar sen atención directa a todas as persoas mutualistas do sur da provincia da Coruña, miles de persoas que teñen como referencia a oficina de Santiago de Compostela para realizar diversos trámites ante a mutualidade de forma presencial", agrega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.