Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2021 | Actualizada ás 12:04
Unha das portavoces da Plataforma Feminista de Lugo, Ana Torrón, pediu que se "inhabilite" ao xuíz de Viveiro que se ratificou en arquivar a denuncia dun grupo de mulleres que foron gravadas en vídeo mentres ouriñaban durante a Maruxaina de 2019, e cuxas imaxes se subiron a páxinas web pornográficas, algunha delas de pago.
Nun auto emitido a comezos de setembro, o cal xa foi recorrido pola asociación Mulleres En Igualdade Burela ante a Audiencia Provincial de Lugo, o xuíz Pablo Muñoz Vázquez desestimou o recurso de reforma presentado polo colectivo contra o primeiro arquivo da causa, ditado por el mesmo a mediados de marzo. A Fiscalía xa anunciara en xuño a presentación de recurso de apelación ante a audiencia.
O xuíz de Viveiro considera no seu auto que as imaxes foron tomadas na vía pública e que só se podería xulgar pola vía civil e non penal. Torrón afirmou que "está claro que con esa sentenza se cubriu de gloria". "Evidentemente a xustiza debería de traballar para que isto non quede en saco roto", proclamou.
A activista lucense denunciou, sobre os xuíces, que "moito se lles enche a boca" ao dicir ás mulleres que "denuncien" pero "para que despois" sexan "humilladas outra vez nos xulgados". "Isto é intolerable, estamos fartas de todas estas inxustizas, da agresividade dos xuíces e desa actitude machista que non vai a ningunha parte", recriminou, antes de pedir que se inhabilite ao xuíz que instruíu o caso da Maruxaina.
"O que teñen que facer as instancias superiores é inhabilitalo, nós non temos o poder de facelo, pero está na rúa ese clamor", asegurou. Ana Torrón remarcou que "isto ten que ter punto e final nalgún momento, porque isto é un espalle e un desenfreo total e absoluto". "E así non se defenden os dereitos da metade da poboación", rematou, a portavoz da Plataforma Feminista de Lugo.
Desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade estiman que a solución para acabar con este tipo de violencias "está nunha coeducación e educación afectivo-sexual feminista desde as idades máis temperás".Desta maneira formaríanse "persoas con valores nos que o respecto á integridade e intimidade da outra persoa sexan inviolables". Por outra parte tamén piden mudar "esta xustiza patriarcal que non ten en conta que mulleres e homes estamos en sociedade en posicións diferenciadas, e que en consecuencia sufrimos violencias especificas só por ser mulleres".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.