Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/10/2021 | Actualizada ás 20:24
O exame de informática do martes pola tarde en Silleda, segundo das oposicións de acceso a máis de 300 prazas de auxiliar administrativo da Xunta e ao que acudían case 3000 aspirantes convocados, decorreu segundo un grupo de opositores con ausente normalidade. Opositores que "non daban crédito ante a sucesión de catástrofes que se foron sucedendo ao longo da tarde" denuncian agora a polémica convocatoria e esixen (xunto a tamén preparadores) a repetición do exame e a "depuración de responsabilidades por todos os sucesos ocorridos".
Entre as cuestións que denuncian estes aspirantes a auxiliar administrativo está o feito de ter agardado unha hora e media máis do previsto a comezar a proba porque ese foi o tempo "necesario para que os membros de seguridade cacheasen un por un a cada aspirante ás portas dos pavillóns". Aínda así, apuntan, durante o exame irrompeu dúas veces a policía porque descubriron a dous opositores copiando.
Outra das anomalías acontecidas, denuncian, foi que unha vez rematado o tempo de exame: "hai un exame que desaparece misteriosamente, e durante 25 minutos os membros da organización non deixan de correr dun lado ao outro en busca do exame perdido, ata que un opositor decide entregar o exame". Na mesma liña, aseguran que a desorganización foi patente "con alumnos non identificados correctamente mediante DNI ou o presidente do tribunal interrompendo cada dous por tres por megafonía para anunciar erros no exame escrito en versión galega". A este respecto din que, malia que avisaban de que o tempo paraba, só paraban para correxir o exame aqueles aspirantes que o facían en galego, mentres que os outros seguían a respostar preguntas.
Moitos opositores e academias uníronse para alegar ao redor do 50% das preguntas, posto que non as consideran adecuadas ben "por non ser claras, por non ser correctas as opcións de resposta dadas por válidas polo tribunal ou por non corresponder coa versión do programa que se esixía na convocatoria". Afirman que, aínda que este tipo de actuacións por parte dos tribunais de oposicións da Xunta de Galicia é habitual, nesta ocasión "é aínda máis seria".
.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.