A CIG enfronta o seu VIII Congreso cunha única candidatura á secretaría xeral

Paulo Carril, actual líder da confederación, revalidará o cargo coa vista posta en consolidarse como primeira forza sindical en Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2021 | Actualizada ás 13:28

Comparte esta noticia

A CIG celebra este sábado día 9 o seu VIII Congreso co "acordo" no seo da organización de que concorra unha única candidatura, a do actual secretario xeral, Paulo Carril, quen deste xeito revalidará o seu mandato co obxectivo de consolidar á central como primeira forza sindical.

Baixo a lema 'Forza para avanzar', o VIII Congreso da CIG desenvolverase a partir das 9,30 horas no Pazo de Congresos de Santiago, onde está previsto que asistan máis de 600 delegados. A secretaria confederal de propaganda, Lucía Freire, informou de que acudirán delegacións de Cuba, Portugal, Euskadi, Chile, Brasil, Cabo Verde e Sahara, entre outros lugares. A clausura arrincará ao redor das 18,30 horas e o peche producirase sobre as 20,00 horas.

En paralelo, segundo explicou a responsable de organización, Susana Méndez, haberá actividades como a homenaxe en Ferrol a Antonio Soto, "líder da Patagonia rebelde", e un seminario internacional baixo a lema 'Na defensa do traballo na era covid'.

"SAÍDA GALEGA E XUSTA"

Pola súa banda, Paulo Carril avogou por "reforzar" a capacidade da organización para "confrontar" aos poderes económico e político, coa finalidade de "gañar unha saída galega e xusta" á crise. Neste contexto, fíxase entre as súas metas "consolidar e ampliar" á CIG como primeira forza sindical, para "seguir formulando alternativas" e "combinando mobilizacións" nas empresas e na rúa.

De acordo cos seus datos, os afiliados á CIG representan en torno ao 10% da poboación asalariada de Galicia, o maior dato que "nunca" tivo o sindicato, ademais de contar co 30% da representación sindical, o que a converte en primeira forza, por diante de UGT e CC.OO. A CIG esixirá nos próximos catros anos "un auténtico plan de recuperación económica e creación de emprego digno", así como a defensa dos servizos públicos e a derrogación das reformas laborais.

"Manter as reformas laborais en vigor está a facilitar que as empresas afronten a crise deixando tras de si un reguero de despedimentos", denunciou Paulo Carril. A central tamén aspira a "ser referentes do feminismo de clase" e reivindica nos últimos anos ser "clave en moitas loitas". "Coa pandemia é necesario redobrar os esforzos para que a desmobilización e a resignación non facilite ao capital", esgrimiu o seu actual líder.

Neste punto, cargou contra o diálogo social, que ao seu xuízo está "a contribuír a un desprestixio do sindicalismo", e criticou que o "sindicalismo español está a renunciar a dar a batalla ideolóxica e política para que haxa un cambio real de políticas". Ata o xoves pola mañá non termina o prazo para presentar candidaturas, e aínda que "na CIG non se pode descartar nada", segundo Carril, o "grao de cohesión é enorme" e existe ese "acordo" para que a súa sexa a única.

A CIG celebra este sábado o seu VIII Congreso en Santiago
A CIG celebra este sábado o seu VIII Congreso en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta