Nace un podcast cos contos de Gianni Rodari traducidos por Xela Arias

O Consello da Cultura Galega é o impulsor deste proxecto sonoro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2021 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega lanzou unha serie de podcast nos que se adapta a formato sonoro os textos do escritor Gianni Rodari, 'Contos ao teléfono', traducidos pola galega Xela Arias.

A escritora, protagonista do Día das Letras Galegas 2021, colaborou en 1986 co seu pai, Valentín Arias, na tradución da popular obra do mestre da fantasía, Rodari. Segundo explica o Consello da Cultura Galega (CCG) nun comunicado, deste fío tira o organismo para o proxecto sonoro 'Xela e Gianni', elaborado por Charo Pita.

Ademais, este mesmo xoves 7 de outubro, o Consello e o Concello de Sarria ofrecen un contacontos, en dous pases, desta obra para 200 alumnos e alumnas de primaria da mencionada localidade, lugar de nacemento de Arias. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e a secretaria, Dolores Vilavedra, asistiron xunto ao alcalde do municipio, Claudio Garrido, "a unha actividade pensada para a xente nova", realizada na Casa da Xuventude municipal.

A propia Charo Pita é a encargada dos dous pases dun contacontos "que bebe do proxecto web 'Xela e Gianni', realizado coa colaboración dos herdeiros de Rodari e que estará aberto ao público durante un ano.  "Estas dúas accións xuntan a preocupación de Xela polo público infantil e, sobre todo, pola tradución de obras ao galego, labor no que Xela foi unha pioneira", apuntou o Consello.

PODCAST

O proxecto está composto por 12 contos do libro 'Contos ao teléfono', onde o contable Bianchi de Varese inventaba historias cada noite para contarlle por teléfono á súa filla cando estaba fóra de casa por traballo.

A especial web conta cunha ilustración realizada por Bea Gregores e está acompañado dun texto contextualizador a cargo da profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Montse Penas Presas, no que defende que Rodari foi "un autor capital para entender, desde outra perspectiva, como se podían traballar os contos na escola, pero tamén como se podía abordar a escritura creativa coa mocidade".

Ilustración de Bea Gregores que acompaña á especial web 'Xela e Gianni'. CONSELLO DA CULTURA GALEGA
Ilustración de Bea Gregores que acompaña á especial web 'Xela e Gianni'. CONSELLO DA CULTURA GALEGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta