Galeguesas 1 / Incendios forestais 0

Carne de vacún criada en liberdade nos montes de Ourense. Este é o proxecto que empezou Roberto Álvarez canso da vida na cidade. Dez anos despois na zona non hai lumes e si unha carne de excelente calidade que está a triunfar. Esta é a historia das Galeguesas....

Por GCAgro | Celanova | 19/02/2014 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Roberto Álvarez, coma moitos outros mozos galegos, emigrou a Madrid. Despois de anos de traballo e canso da gran cidade, decidiu voltar á aldea familiar en Celanova (Ourense). Alí onde había monte abandonado dende había anos, hoxe hai máis de 100 cabezas de gando que xeran riqueza e emprego; alí onde había lumes devastadores, hoxe hai prados verdes e carballeiras grazas ás vacas que desbrozan o monte todos os días. Un aproveitamento multifuncional que nos debería facer cuestionar as políticas de extención de incendios que consumen cada ano centos de millóns de diñeiro público sen resultados satisfactorios. Velaquí unha alternativa...

Vacas salers pacendo nos montes de Celanova
Vacas salers pacendo nos montes de Celanova

-Qué te levou a dedicarte á cría en extensivo de gando vacún de carne?
Despois de anos emigrado en Madrid quería facer algo ligado á terra, quería volver á aldea e facer algo que me permitise vivir aquí. E a gandeiría en extensivo foi o que máis me atraeu.

-Cómo naceu o proxecto da Facenda O Agro?
O primeiro paso foi matricultarme nun curso de pastoreo de ovellas e fabricación de queixos en Euskadi. Despois, durante tres anos, entre o 2003 e o 2005, dediqueime a convencer aos veciños de Santiago de Amoroce, unha aldea situada a uns quilómetros de Celanova, para que me arrandasen os montes comunais. Eran uns terreos sen coidar dende había décadas que, como desgraciadamente sucede en Galicia,  eran pasto do lume de forma periódica. Finalmente, os veciños e veciñas arredendáronme as 115 hectáreas por 20 anos.

Tiña claro que quería facer gandeiría extensiva e a idea inicial era mercar razas autóctonas de Galicia, sobre todo cachena. Pero polo camiño, avarióuseme o tractor e tiven que chamar ao proveedor de Cataluña para encargarlle a peza danada. Na conversa xurdiron os meus plans e tanto falamos que me convenceu de que, polo menos, fose coñecer vacas da raza francesa Salers. Convencéronme e en maio de 2005 desembarcaron en Amoroce as 25 primeiras vacas de raza salers.

O nome de Facenda o Agro púxenllo porque “Agro” é o acrónoimo de Álvarez González Roberto e porque ese era o alcume do meu avó. Dende aquela, e a base de moito traballo, tanto a superficie como a cabana gandeira foron aumentando. Hoxe temos 100 cabezas de gando salers.

Vacas cachenas da Facenda O Agro no monte
Vacas cachenas da Facenda O Agro no monte

-Por qué optaches pola raza Salers para a túa explotación e non polas razas autóctonas galegas?
Como dixen foi por casualidade. Pero a día de hoxe tamén teño un rabaño de 140 cabezas de vaca Cachena. A raza Salers é unha das mellores vacas do mundo para alta montaña: é unha vaca moi mansa e rústica que da moi bos resultados en carne, tanto en cantidade como en calidade. É unha raza que deberíamos ter en conta para os nosos montes.

"En Galicia a gandeiría extensiva é a solución máis efectiva e máis económica para loitar contra os incendios"

-Elaboras hamburguesas con carne das túas reses e bautizáchelas co nome de Galeguesas. De onde xurdiu a idea? Cales son as súas características e que tal se están comercializando?
O meu irmán recomendoume que fixera hamburguesas porque hai uns anos empezáronse a poñer de moda nos restaurantes. Decidimos probar, e moimos a carne do noso vacún, mesturámola con pan relado, sal, ourego e perexil. Démoslle forma redonda e empezamos a introducila nos lotes de carne que vendíamos. Foi un éxito.

Unha vez feitas, un amigo alemán de Hamburgo, chamoulles “Galeguesas” e trunfaron. Elaborámolas na nosa carnicería que temos en Celanova e vendémolas tanto en fresco como envasadas ao baleiro, para consumir nos seguintes 3 ou 5 días. Tamén se poden conxelar e aguantan meses. Para preparalas non requiren desconxelación, senón que se poden poñer directamente na plancha ou na tixola.

O seu sabor e  o seu valor nutricional non son comparables ás hamburguesas das grandes industrias. As nosas están elaboradas cunha carne de altísima calidade, alimentada con produtos naturais e que vive ao aire libre.  E iso nótase.

-Onde podemos atopar os produtos da facenda O Agro?
As Galeguesas comercialízanse en diferentes tendas gourmet de Galicia e degústanse en restaurantes de Santiago, Vigo, Ourense, A Coruña, Madrid e Barcelona.
Ademais, pódense encargar na nosa páxina web www.facendaoagro.com

-Qué potencial lle ves á gandeiría extensiva en Galicia?
Véxolle todo o potencial porque temos todos os elementos necesarios: clima, tradición gandeira, base territorial e xente traballadora. O que nos falta é que todas estas pezas se combinen para aproveitar o enorme potencial que temos para producir carne de calidade.

-Galicia, e en concreto a provincia de Ourense, é pasto dos lumes cada verán. É a gandeira extensiva a mellor política de prevención de incendios forestais?
A gandeiría é unha ferramenta imprescindible para minimizar o risco de lume. É a máis efectiva e a única economicamente viable pois transforma o mato susceptible de ser queimado en proteína animal. E ademais, permite outro tipo de actividades ao seu redor como o sendeirismo, a produción de cogomelos, o mel, a caza, a reforestación con frondosas, as enerxías renovables...etc.

-Cales son os vosos proxectos e obxectivos para este ano?
Seguir coidando o producto e intentarmos medrar un pouco na comercialización. Despois de dez anos loitando, queremos aliviarnos tamén un pouco das débedas e queremos chegar a outros mercados tamén locais.

-Por último, que lle pedirías ás administracións públicas, e en concreto á Xunta, á hora de apoiar aos emprendedores que coma ti queren vivir da gandeiría en Galicia?
Pois pediríalles que fagan as leis cos pés na terra, coñecendo o traballo a pé de campo, e non só dende as oficinas. Neste sentido, paréceme imprescindible que se acometa en Galicia un ordenamento do territorio e poñer en valor a enorme base territorial que está abandonada.
Tamén me parece fundamental que se incentive que entre capital humano novo na agricultura e na gandeiría para poder levar adiante novos proxectos nun entorno rural que en Galicia está morrendo.

Roberto Álvarez no monte onde pacen as vacas
Roberto Álvarez no monte onde pacen as vacas
Galeguesas antes de pasar pola grella
Galeguesas antes de pasar pola grella
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

5 JOSE VILLAR BLAS

SIGUE ESI HIRMAO DENDE EIQUI SA SABES QUE CHE SE QUERE. VIVA GALIZA A NOSA TERRA. por que caraalo non bou a berrar total non me escoita naide....

4 Érache boa

A gandeiría extensiva é un cancro para o medio natural galego. O Barbanza é unha enorme granxa de gandeiria extensiva e arde ano tras ano e agora queren facer o mesmo noutros lugares de Galicia. Por certo, os gandeiros extensivos foron os responsables do exterminio dos lobos do Barbanza. É moi cómodo deixar ao gando abandoado no monte e despois pedir batidas de lobos se se produce un ataque. Xa está ben de manter cos nosos impostos a estes gandeiros. Enchen os montes de alambradas, as reses esnaquizan o riquísimo mato, imprescindible para que prosperen moitísimas especies animais, ¿e temos que tragar con que isto é ecolóxico?

1 eiqui si

Por favor non sexa vostede demagóxico nin equipare a gandería extensiva con ter o gando abandonado no monte, nin ser gandeiro responsable co enterno con ser un envelenador de lobos. Nada mellor para confundir a opinión pública e xustificar as reforestacións masivas, alimentando a economía dos incendios, que dicir que un caso particular da zona da Barbanza é o que acontece en toda Galicia ou en calquera explotación de gandería extensiva. Hai piratas en todos os ámbitos, mais este exemplo de emprendedor no rural, coma o do inventor das galeguesas, é o que precisaba este país para por en valor tantas terras abandonadas, promovendo un aproveitamento multifuncional dos nosos montes.

2 bendito

ben dito

3 pepe lago

Fabulosa iniciativa, realidade xa, esta das GALEGUESAS. Padiante, xente.

3 Celanova

Como din os de Carnelao: Por 56 céntimos mais podemos degustar hamburguesas ecolóxicas, de vacas que se alimentan nos montes ourensáns de produtos naturais, sen pensos. Ti decides, ou fomentar o emprego e a soberanía alimentar ou por 56 céntimos pagar hamburguesas do McDonalds, lesivas para a nosa saúde e contribuíndo económicamente cunha empresa imperialista e anti obreira. As galeguesas de Celanova non se fan cos restos da vaca. https://www.facebook.com/Carnelao/p...

1 xose

Ogallá tivesemos máis granxas como esta, pero home, non fai falla dicir k as dos demais son lesivas para a saúde. Lamentábelmente as de mcdonalds son melhores k as k te podes comer no 95% dos bares/restaurantes do país. Podes seguir a sua trazabilidade para enterarte. Segue se podes as dos demais.

2 Daniel

Non sabía que o monte en man común podía ser arrendado. Paréceme unha idea moi interesante. Parabéns a Roberto e moita sorte coa súa iniciativa. PS. Parabéns tamén a GC, unha entrevista ben interesante.

1 undaqui

Moi boa entrevista. Esta é a xente que fai país e non os "empoleirados" de sempre...BNG,AGE,Psoe,PP,... Desexolle o mellor!!