Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2021 | Actualizada ás 20:30
Un mural de 5 metros pintado sobre unha pila de herba seca para visibilizar ás mulleres do rural. Esa é a obra que vén de ter lugar na Casa Grande de Xanceda da man da artista ordense Nana con motivo do Día Internacional da Muller Rural. Dende a firma, que apunta contar cunha maioría feminina entre as súas traballadores, explica que as protagonistas do retrato en herba seca son Susana e Amparo, dúas mulleres encargadas do muxido e os manexos das vacas na granxa.
Creamos un graffiti XIGANTE en pacas de herba seca para darlle visibilidade á muller rural 💜💜 agora vésenos ou aínda non?
— Casa Grande Xanceda (@xanceda) October 14, 2021
En Casa Grande de Xanceda o 61,5% do equipo somos mulleres e do rural #MullerRural #DiaInternacionalMullerRural pic.twitter.com/cAE9jarN5k
O obxectivo, aseguran as mesmas fontes, pasa por incrementar a visibilidade da muller rural, á que definen como “un dos piares fundamentais deste medio porque arredor da súa figura vertebra, aínda, a casa, a familia e o traballo agrario ou artesán”. “O rural galego sería impensable sen as mulleres rurais pois foron as que conservaron artes e manexos agrícolas, cultura e tradicións mentres os homes estaban na emigración”, engaden.
Dende a marca aseveran tamén que este acto garda relación coa difícil conciliación que, ao seu ver, atravesan as mulleres do eido rural galego, agora aqueixadas por unha “falta de servizos públicos” que abranguen dende a educación aos centros de día. “Esta falta de servizos adoita ser cuberta por mulleres que ven limitada a súa independencia e o seu desenvolvemento vital e profesional”, subliñan.
O graffiti, realizado sobre unhas pacas de herba seca de cinco metros de altura, terá á parte unha segunda vida como parte dun proceso circular, xa que a herba irá para as vacas da granxa e os film exterior será introducido nunha máquina que o trocará en estacas para o peche das fincas. “Ademais, os sprays son de base de auga, sostibles e non danan a capa de ozono”, subliñan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.