O alcalde de Vilanova recorrerá a condena por chamar "chacha para todo" a Carmela Silva

Gonzalo Durán asegura que se trata de liberdade de expresión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2021 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, anunciou que recorrerá ante o Tribunal Constitucional, mediante recurso de amparo, a expresión "chacha para todo" que dedicou á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, por considerala "liberdade de expresión".

O concello fixo público un comunicado un día despois de que a Audiencia Provincial de Pontevedra desestimase o recurso presentado polo rexedor municipal contra a sentenza que o condenou polas súas manifestacións. Segundo sinalou a Deputación, a resolución "é firme" e "non cabe recuro algún" contra ela" e a sentenza "confirma na súa integridade" o fallo condenatorio do 1 de xuño de 2021 emitido polo xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra.

En concreto, condenou a Durán Hermida como autor dun delito leve de falta de respecto e consideración debida á autoridade no exercicio das súas funcións. Por este motivo, impúxolle unha pena de 1 mes de multa cunha cota diaria de 12 euros, coa responsabilidade persoal subsidiaria en caso de falta de pagamento dun día de privación de liberdade por cada dúas cotas diarias non satisfeitas, e ao pago das costas procesuais.

O fallo xudicial entendía que esas declaracións "evidencian unha falta de respecto ou menosprezo cara ao principio de autoridade representado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, que excede o normal exercicio do dereito fundamental de liberdade de expresión".

Por contra, no comunicado municipal sinálase que esta decisión "vulnera o dereito fundamental á liberdade de expresión de Gonzalo Durán, consagrado no art 20 CE". É por este motivo que mesmo o alcalde está disposto a chegar ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

"Dado que o dereito á liberdade de expresión está previsto e tutelado polos diversos tratados internacionais en materia de dereitos humanos dos que é parte España, de non obterse o amparo do Tribunal Constitucional interporíase o consecuente recurso ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos", indícase no comunicado.

Ademais, o Tenente de Alcalde refugou a posibilidade de que se produza a dimisión de Gonzalo Durán como rexedor municipal.

Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova
Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova | Fonte: TVG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta