A Xunta agradece a Amancio Ortega a doazón millonaria para equipos sanitarios

Permitirá crear un centro de radioterapia en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/10/2021 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, expresou este mércores o seu agradecemento polo investimento para equipamento da Fundación Amancio Ortega que "complementará" o proxecto para crear en Galicia un Centro de Protonterapia, de radioterapia "máis segura e de maior precisión".

A preguntas dos medios na rolda de prensa para presentar a campaña de vacinación antigripal, Comesaña resaltou que este anuncio lles "agrada" e "complementa" o proxecto do seu departamento de conseguir ese centro para Galicia. "Agradecemento, recoñecemento e alegría", abundou o conselleiro, quen apuntou que este Centro de Protonterapia estará situado na provincia da Coruña, segundo recolle o convenio subscrito. Preguntado pola localización exacta, explicou que hai que "ver que localización cumpre mellor os criterios".

Respecto diso, Sanidade aclara que a localización prevista, "aínda por definir", está vinculada "a un dos principais centros hospitalarios de Galicia". Terase en conta criterios técnicos como a dispoñibilidade de terreo para a instalación do centro, a facilidade de acceso e optimización de tempos de desprazamento de pacientes, a integración con recursos sanitarios relacionados existentes e outros.

AXILIZAR PROCESOS

A través dun comunicado de prensa, Sanidade detallou que co convenio asinado entre o Sergas, Ministerio de Sanidade e Fundación Amancio Ortega, que se estende a outras comunidades autónomas, avanza ese proxecto de contar en Galicia cun Centro de Protonterapia, que "é unha modalidade especial de radioterapia".

Este convenio permite "axilizar os procesos e implantar en Galicia, a medio prazo", un centro de protonterapia que atende "especialmente as necesidades médicas daqueles pacientes oncolóxicos con longa supervivencia, sobre todo na poboación infantil", matiza Sanidade.

No proceso de implantación colabora a Fundación Amancio Ortega. Sanidade apunta que a previsión pasa por considerar tamén "un plan de cobertura que a medio prazo inclúa novas indicacións, actividades de investigación clínica e desenvolvemento tecnolóxico en protonterapia".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en rolda de prensa tras a reunión do comité clínico.. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en rolda de prensa tras a reunión do comité clínico.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta