A procesión dos caladiños no cabodano da estafa Pescanova

Pasou un ano desde que o 28 de febreiro de 2013, nun tenso consello de administración en Chapela, alguén deu unha patada na mesa e Pescanova saltou polo aire poñendo en almoeda unha das primeiras empresas, presuntamente galega, centos de postos de traballo e os figadillos da Marca España.

Por Valentin Carrera | Compostela | 25/02/2014

Comparte esta noticia
Un ano no que soubemos do saqueo en Pescanova durante anos por unha cúpula trapaceira, afeccionada a estafa piramidal, á que parece que tamén se apunta o Banco Pastor; fomos sabendo de redes de evasión, de mentiras á banca, á CNMV, aos accionistas, á sociedade, a todo o mundo; de falsos galegos ilustres con contas ocultas en Panamá e outros paraísos fiscais. Soubemos tamén que o asunto non interesa o máis mínimo aos dous grandes partidos: PP e PSOE non moveron un dedo, diríase que teñen un pacto de silencio como na Pokemon; BNG e AGE foron máis ben tímidos: ningunha acción popular, pouca condena ou reproche aos saqueadores, nin un só debate no pleno do Parlamento Galego ou no concello de Vigo. Conviría saber si algúns calan por razóns inconfesables, como os que se facían fotos no Club Iñás de Méndez nos tempos gloriosos de Caixa Galicia, mais, o silencio é cómplice.
 
Irémolo sabendo porque, como diría Larra, en Pescanova todo o ano era entroido e van caendo unha tras outra as máscaras. Pescanova era o mundo ao revés e a Xustiza quixo que algunhas caretas caian o vindeiro luns de carnaval. Antes das 15 h. do 3 de marzo saberemos si a banca presenta ante o Xulgado Mercantil de Pontevedra unha “proposta de convenio”. Con Damm ou co exministro de Aznar Serra, á fronte de Blue Crest, Knight Head, Dupont, Scoggin Capital y J. Goldman, un pool extranxeiro que, por seguir co esperpento e o aldraxe a cidadanía, “garante a galeguidade de Pescanova”, ¡e Feijóo sen dimitir…!
 
Perfílase un acordo de mínimos, coa banca ao temón de momento, controlando a maioría e ao conselleiro-delegado, cunha quita do 70%, que segue sendo un disparate a pagar por todos, e un despezamento programado, quedándose o mellor poxador coa chicha, reducindo persoal en Vigo e arredores, trasladando centros de decisión, etc. En fin, unha voadura controlada para non chamarlle o que é: unha liquidación.
 
Pero este luns de carnaval non caerán todas as máscaras: non caerá aínda a do presidente do consello, Urgoiti, colocado aí por Damm e afectado por un grave conflito de interese que bordea o presunto delito: o despacho Cremades, que representa a Cartesian (5% da sociedade), denunciouno ante o Xuíz pedindo unha xunta extraordinaria de accionistas na que se prohiba o voto aos incursos en conflito de interese, como xa se fixo en Iberdrola e casos similares. Toda decisión pasa por esa xunta de accionistas, onde Damm representa apenas o 6,2% segundo a CNMV. 
 
Media ducia de accionistas (Cartesian, Damm, Sousa, Nievas, Paz Andrade, Masaveu) suman un 36%, moi dividido en posición e intereses; hai un 63% da propiedade de Pescanova (os minoritarios, agrupados en varios despachos) á que aínda ninguén preguntou a súa opinión. Antes ou despois, o xuíz terá que escoitalos: o calendario está en marcha, é probable que a xunta se celebre en marzo. Quizais entón caian as últimas máscaras e en Pescanova remate o carnaval. Daquela estaremos en Semana Santa e o Parlamento Galego e a Xunta seguirán na procesión dos caladiños.
 
@ValentinCarrera

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].