Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 30/10/2021 | Actualizada ás 22:00
O elevado índice de temporalidade na administración pública en España fixo que a UE declarase ilegais as altas porcentaxes de temporais públicos. Dentro desta situación están os traballadores e traballadoras do servizo contraincendios da Xunta de Galicia. Sobre 2.400 persoas están en situación de traballador laboral dentro deste servizo. Unha porcentaxe que supón o 70% do cadro de persoas que loitan contra o lume en Galicia. De cara á funcionarización dalgunhas prazas, a Xunta de Galicia convocou procesos en 2016, 2017 e 2018 que se acumularon e agora quere sacar adiante mediante Ofertas Públicas de Emprego (OPE). As forzas sindicais estiman que as vindeiras probas previstas para os días 27 e 28 de novembro, non son suficientes para a redución da excesiva temporalidade neste servizo.
NÚMERO DE PRAZAS “RIDÍCULO”
A fin de semana do 27 ao 28 de novembro celebraranse OPEs para postos do servizo contraincendios. Os postos a cubrir son: emisorista/vixilante, bombeiro forestal e bombeiro forestal/condutor motobomba. Búscase a cobertura de postos de persoal funcionario grupo C2 da administración especial da Xunta (persoal non administrativo). Estas probas son de libre acceso e buscan crear prazas de persoal funcionario para todo o ano.
Segundo estimacións das forzas sindicais, nestes momentos hai 2.400 prazas no servizo contraincendios que figuran como persoal laboral. “Das 2.400 persoas, 800 traballan 12 meses, 600 fano durante 9 meses como fixos discon e logo hai 1.000 prazas de seis meses, practicamente todos temporais” di Juan Carlos Rivas do CSIF. “A taxa de temporalidade é do 70%, algo brutal, e o número de prazas que se convocan é ridículo”.
A cifra de prazas previstas para a estabilización é de 269 segundo datos da CIG. “Denunciamos diante da Xunta o feito de non ofertaren máis prazas para un servizo que considerado esencial” di Zeltia Burgos da Central Intersindical Galega. “As últimas oposicións celebráronse en 2003” sinala Burgos, e isto a pesar dos acordos de estabilización acadados en 2007 e 2008 para este servizo.
“A OPE oferta 52 emisorista/vixilante, 60 de bombeiro forestal/condutore e 86 de bombeiro forestal” di Lino Díaz da UGT. “As de promoción interna, son 56 e están executadas e logo hai 198 de libre concorrencia con 5 prazas para persoas con discapacidade”. Nestas probas tense en conta o tempo traballado até a data do exame.
As prazas ofertadas son para persoal que traballa 12 meses ou 9 meses ao ano, quedan fóra os de seis meses. Este persoal pode presentarse? “As prazas de seis meses non se ofertan, aínda que poden presentarse libremente a esta OPE” di Emilio Doforno de CCOO. “Esta xente pode presentarse á OPE porque é un proceso de concorrencia”. Para poder ofertar as prazas destas persoas deberan ser prazas de 12 meses de traballo e non só de 6.
PROBAS E TRIBUNAIS
“Esta OPE deriva das convocatorias de 2016, 2017 e 2018 para o grupo C2 da administración autonómica” di Lino Díaz. O membro de UGT destaca que se agora a Xunta pretende reducir a temporalidade, máis adiante este tipo de accións deberán enmarcarse no futuro dentro da lei que prepara o Goberno central para a redución da temporalidade laboral. “Isto aínda está en fase de comisión. Que debera estar en outubro ou novembro?, debera, mais logo habería que ver as consecuencias das actuais OPEs dentro do marco legal da nova lei, que é para todo o Estado”.
“Estas probas van con atraso, as negociacións comezaron o 12 de febreiro de 2019, a convocatoria saíu o 4 de marzo dese ano e as listas definitivas de admitidos aparece o 10 de febreiro de 2021, o 30 de xullo deste ano nomeouse o tribunal” describe Zeltiva Burgos. O atraso foi motivado, como outros, á pandemia. Con todo, houbo unha modificación do tribunal o 13 setembro de 2021 e tamén se notificou a ampliación do prazo para a data do exame o 22 de outubro 2021.
O baremo de puntuación é de 60% na fase de oposición e do 40% na fase de concurso de méritos. Aquí é cando se puntúan os períodos traballados no servizo, que son acumulativos e poden sumar até 12 puntos para as probas. Emilio Doforno lembra que se está traballando para que “haxa funcionarización para as persoas que sexan cadro de persoal laboral fixo, 12 e 9 meses, e logo a estabilización para os que están en contratación en fraude de lei”.
Doforno recorda ademais que, para evitar a fraude de lei coas contratacións, actualmente as futuras contratacións non poderán sobrepasar os tres anos. A partir de aí, a persoa cesa no seu posto aínda que podería ser contratado para outro posto por un período semellante, mais non se prolongará a súa permanencia no posto de traballo como viña acontecendo.
As forzas sindicais coinciden en que a OPE para o servizo contraincendios non oferta o número suficiente de prazas. A redución da temporalidade neste sentido, non corresponde á petición de que non supere o 8% pedido pola UE. En base a isto, o Goberno central prepara unha lei para reducir a temporalidade aínda que non se coñecen cales serían as consecuencias unha vez aplicada logo de seren convocadas as OPEs autonómicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.