Por X.M. Fernández | Teo | 11/11/2021 | Actualizada ás 13:20
Os accesos á carballeira son sempre complicados na Feira do San Martiño, polo que o Concello de Teo oferta para esta xornada un espazo para deixar o vehículo de balde e poder ir ata a carballeira en autobús.
O aparcamento está na N-550, entre o restaurante Cierto Blando e o bar Tía María, concretamente na parcela nº 13 da rúa dos Irmáns Liste Forján (Ameneiro-Calo). Pódese ver a localización concreta nesta ligazón.
O servizo de traslado á carballeira funcionará dende as 09:00 ata as 18:00 horas de xeito ininterrumpido e cada 15 minutos.
A programación do San Martiño para este xoves 11 de novembro destaca pola presenza dun mercado tradicional no que haberá: artesanía, viños teenses, mercado labrego e demostración zoqueira coa presenza de Elena Ferro. Na entrada da feira poderase atopar a Barraca de Barriga Verde e a animación de rúa correrá a cargo do Cego na feira --con Oli Xiráldez--, de Ce Orquestra Pantasma e do grupo Os Roncos da SR de Calo.
OLLADAS DO SAN MARTIÑO
Os fotógrafos Óscar Corral, Noel Feáns e Charo Lopes vivirán a feira dende ben cedo e irán compartindo en redes as imaxes co cancelo #SanMartiñoTeo2021. Posteriormente usaranse as súas imaxes para editar un libro de fotos sobre o San Martiño con distintas olladas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.