A familia de 'Jimmy' recorrerá o arquivo da causa do seu asasinato

Considera que hai indicios que apuntan na mesma dirección, en contra da postura do xuíz instrutor.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 15/11/2021 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

O avogado que representa á familia de Francisco Javier Romero Taboada 'Jimmy', o seareiro do Deportivo da Coruña asasinado nunha brutal liorta que tivo lugar aos pés do Río Manzanares o 30 de novembro de 2014, recorrerá o arquivo da causa ao considerar que hai indicios que apuntan na mesma dirección, en contra da postura do xuíz instrutor.

O avogado Erlantz Ibarrondo
O avogado Erlantz Ibarrondo | Fonte: Europa Press.

"Imos recorrer porque o xuíz non dá nin un argumento de por que non considera os testemuños relevantes que hai na causa. Outra cousa é que non houbese nin proba nin indicios, pero si hai indicios e van na mesma dirección", apuntou o letrado Erlantz Ibarrondo.

Nun auto coñecido hoxe, o instrutor acorda dar carpetazo á causa tras esgotar as dilixencias de investigación practicadas por mandamento da Audiencia Provincial de Madrid, que ordenara tomar declaración a unha testemuña protexida ignorada nun principio na causa.

Ao comezo da investigación, catro persoas identificadas a través dun vídeo gravado por un afeccionado ingresaron en prisión provisional como presuntos autores do homicidio. En maio de 2015, comprobouse por mor dunhas declaracións que a Policía incorrera nun grave erro, xa que nun primeiro momento identificou como a persoa falecida o home que resultou lesionado.

Acudiuse de novo ao vídeo e concluíuse que non era posible realizar un estudo fisonómico debido á baixa calidade da gravación.

Deste xeito, restouse fiabilidade ás identificacións que realizou a Brigada Provincial de Información de Madrid cando identifica, sen ningún xénero de dúbidas, os autores dos feitos investigados en base á citada gravación.

No seu auto, o instrutor subliña que no procedemento hai "meras sospeitas, hipóteses ou elucubracións absolutamente insuficientes, que sen a concorrencia doutros indicios, resultan absolutamente insuficientes aos fins pretendidos".

Conclúe o xuíz que "non se aprecian indicios suficientes de criminalidade para procesar a persoa algunha polos presuntos delitos de homicidio consumado respecto de Romero Taboada e de lesións respecto de Santiago Miguel A. M.".

O caso pechouse en xuño de 2018 ante a ausencia de autor coñecido, pero meses despois a Audiencia de Madrid ordenou a súa reapertura a instancias dun recurso interposto pola acusación particular contra o auto que sobreseeu a causa. Isto produciuse ao considerar a Audiencia unha testemuña ignorada polo xuíz que apareceu durante as pescudas xudiciais nun oficio da Policía no que se indicaba que manifestou en sede policial quen eran os autores e que coincidían cos nomes que apuntou unha testemuña protexida ao que non se deu credibilidade.

O pasado xuño tomouse declaración a esta testemuña protexida, quen apuntou a unha das persoas investigadas, un extremo que non aparece no auto de arquivo. Con todo, o instrutor considera agora que non hai indicios suficientes para seguir coa investigación.

O auto da Audiencia apuntaba que esta testemuña non quixo declarar ante a comisaría ao non ter protección e tampouco lle citou o xuíz, quen non lle outorgou o recoñecemento de testemuña protexida na causa penal como si fixo con outras persoas que presenciaron os feitos.

Dentro doutra peza separada, estase á espera de que a Audiencia Provincial de Madrid sinale o xuízo contra un total de 82 persoas pola súa presenta participación na rifa tumultuaria que desembocou na morte do seareiro do Deportivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta