Os 19 de Meirás ven "esperpéntico" o recurso dos Franco contra o arquivo da causa

Reiteran que a ocupación do Pazo foi pacífica e simbólica: “non lles temos medo e non nos van calar”, inciden.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2021 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

Continúa aberta a causa contra 'os 19 de Meirás'. A pesar de que semanas atrás o Xulgado de Instrución nº2 de Betanzos decidiu o arquivo e sobresemento do proceso, a Familia Franco --acompañada pola Fundación na honra do ditador-- decidiu interpoñer o recurso agardable. Unha circunstancia fronte ao cal os activistas que ocuparon o pazo antes da súa devolución ao estado se manteñen firmes.

Os activistas denunciados polos Franco durante a protesta do 2017 no Pazo de Meirás. 19 DE MEIRÁS
Os activistas denunciados polos Franco durante a protesta do 2017 no Pazo de Meirás. 19 DE MEIRÁS

Os responsables do acto reivindicativo cualifican o recurso dos Franco como “un esperpento máis” e sinalan "alto e claro" que “non lles temos medo e non nos van calar”. Subliñan unha vez que o proceso de ocupación do Pazo situado no concello de Sada tivo lugar no marco dunha "acción simbólica pacífica" para demandar a súa devolución ao Estado, como finalmente está a acontecer a pesar dos paus que os Franco tentan colar na roda da Xustiza. 

“Os herdeiros do franquismo seguen na súa teima de intentar amedrentar as e aos demócratas que denunciamos o espolio da ditadura. Dicímosllelo alto e claro: non lles temos medo e non nos van calar” explicou Anxo Louzao, portavoz dos e das 19 de Meirás. De aí que o grupo de encausados se reafirmen no “orgullo por termos realizado esta acción que, sen dúbida, contribuíu a poñer o foco político e mediático nun símbolo do espolio franquista na Galiza como é o Pazo de Meirás” dixo Louzao que, engadiu, “a día de hoxe fica absolutamente demostrado que o pazo foi roubado ao pobo galego e que é absolutamente vergoñento que os herdeiros da ditadura sigan a desfrutar dun patrimonio que foi espoliado co sangue de milleiros de galegas e galegos” concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta