Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/11/2021 | Actualizada ás 13:48
Os presidentes das oito comunidades que conforman a España despoblada selaron este martes no cume de Santiago de Compostela un bloque común a través dunha declaración conxunta na que esixen, entre outras cousas, que se teña en conta a dispersión da poboación na negociación do novo sistema de financiamento autonómico, e que este asunto se pacte de maneira multilateral e non en órganos bilaterais, como ocorreu no pasado con Cataluña.
Como consecuencia da reunión xurdiu un documento común de 35 puntos no que precisamente os oito presidentes autonómicos recolleron as súas reivindicacións para apontoar o seu bloque común á hora de negociar o novo sistema de financiamento autonómico ante o Ministerio de Facenda.
Nesta liña, sinalan directamente ao custo dos servizos reais e a dispersión da poboación como os principais puntos que, ao seu xuízo, deben primar á hora de reformar o modelo de financiamento, que, ademais, destacan que debe ser froito exclusivamente do consenso xurdido nun órgano multilateral como é o Consello de Política Fiscal e Financeira.
En vésperas de que a ministra de Facenda, María Jesús Montero, presente a súa proposta do modelo de financiamento autonómico en base ao criterio de poboación axustada --está previsto que o faga antes de que finalice novembro--, estas oito comunidades esixen directamente ao Executivo que a voz e o voto se deben dar neste órgano multilateral, pedindo deixar este debate á marxe dos espazos bilaterais.
CASE TRES HORAS DE REUNIÓN
Os oito presidentes autonómicos déronse cita este martes no Hostal dos Reis Católicos, en plena praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, ás 10.00 horas, despois de que os seus respectivos equipos estivesen traballando dun tempo para acó en perfilar o documento que finalmente se aprobou.
Nun primeiro momento estaba previsto que ás 11.15 horas aproximadamente se producise a firma conxunta e, posteriormente, comparecesen en rolda de prensa os oito presidentes autonómicos aliados nesta materia.
Con todo, a cita prolongouse chegando a durar case tres horas. Finalmente, o documento subscrito reflectiu a maioría do contido que figuraba, polo menos nun dos últimos borradores que manexaron (aínda que numericamente contiña 47 puntos e saíron adiante 35), coa excepción da parte relativa ao lobo, na que puxo especial empeño o cántabro Miguel Ángel Revilla.
Aínda que o debate sobre este punto foi longo, segundo fontes de dentro da reunión, finalmente descolgáronse A Rioxa e Estremadura, e non faltou o reproche público de Revilla. Máis conciliador, Feijóo chanceou con que, mesmo dentro do desacordo, houbo consenso, posto que estas dúas comunidades non vetaron o impulso dunha adenda apoiada polas seis autonomías restantes.
"TRANSPARENCIA"
Os oito presidentes autonómicos reunidos este martes no cume de Santiago de Compostela reclamaron "transparencia" no debate sobre a reforma do sistema de financiamento autonómico, que piden que "só" sexa "froito dun consenso multilateral" no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF).
Desta forma, os oito mandatarios autonómicos, que piden que se teñan en conta todas as necesidades e posicións de todas as administracións afectadas, reclaman que as decisións relativas ao financiamento autonómico queden "á marxe dos lexítimos espazos biltarais entre o Goberno central e cada comunidade".
Este é un dos puntos da Declaración de Santiago que este martes saíu do encontro no que participaron os presidentes de Galicia, Castela e León, Castela-A Mancha, Aragón, Estremadura, Asturias, A Rioxa e Cantabria. O documento, que consta de 35 puntos, reclama tamén o reforzo do CPFF con medios suficientes para prover de datos e análises ao conxunto das comunidades e ao Goberno para determinar o custo real dos servizos e a avaliación do comportamento dos mecanismos de revisión anual.
SEN "PRIVILEXIOS"
Trátase, segundo estes presidentes, dun acordo "sen frontismo". No arranque do documento, as oito comunidades reivindican que comparten "intereses comúns, que nacen das súas características socioldemográficas, económicas e históricas", e remarcan o papel das autonomías e o traballo que deben realizar en "estreita coordinación" co Goberno central e "con absoluta lealdade aos intereses xerais".
"Reiteramos a nosa adhesión incondicional aos principios que regulan a organización territorial do Estado na Constitución: a unidade da Nación española, a autonomía das nacionalidades e rexións que a integran e a solidariedade entre elas", recolle o texto, no que se alude á "emerxencia demográfica" e se exemplifica con que as oito comunidades supoñen un 61,97% da superficie española e un 24,13% da súa poboación.
Neste sentido, expresan a súa vontade de consenso, pero advirten que "o modelo resultante das negociacións deberá respectar a igualdade de todos os españois protexida pola Constitución, así como rexeitar "privilexios económicos ou sociais como recolle o artigo 138 da Carta Magna". "Defendemos e perseguimos un desenvolvemento social e económico equilibrado, coa aspiración de que calquera persoa en España teña as mesmas oportunidades", constata.
FEIJÓO DESTACA A "UTILIDADE" DA CITA
O titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, defendeu o dereito das comunidades autónomas a achegar propostas aos "grandes debates do país" e reivindicou a utilidade do cume de presidentes celebrada este martes en Santiago para achegar "desde o rigor e a lealdade". "Fomos útiles desde o rigor, a transparencia e a lealdade. Sen lealdade non hai gobernos e estes gobernos somos leais cos nosos cidadáns, con nós mesmos e co Goberno da nación", afirmou.
O titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, defendeu o dereito das comunidades autónomas a achegar aos "grandes debates do país" e reivindicou a utilidade do cume de presidentes celebrada este martes en Santiago para achegar "desde o rigor e a lealdade".
O presidente galego destacou que os mandatarios autonómicos presentes este martes na capital galega, gobernantes que representan ao "62%" do territorio, construíron un "documento que ten vocación de pervivencia porque é útil".
"Acordar despois do debate é unha excelente noticia na España actual e futura", sostivo Feijóo, que considerou que os presentes este martes en Santiago de Compostela tamén contribuíron a "prestixiar" as institucións e a "darlle vida ao Estado das Autonomías". "Hoxe non é noticia a rifa, senón o achegamento e o diálogo", celebrou.
COMPARECENCIA SEN PREGUNTAS Á ESPERA DE MAÑÁ
Na xornada previa, o presidente galego aproveitou para dar un paseo nocturno e cear cos mandatarios que xa estaban en Santiago de Compostela.
Á finalización da intervención dos oitos presidentes, na que tivo especial relevancia o choque entre Miguel Ángel Revilla contra Concha Andreu e Guillermo Fernández Vara por non apoiar a súa petición para contar con mecanismos fronte aos ataques do lobo, só a presidenta rioxana atendeu aos medios de comunicación a pesar de que estaba previsto que todo o elenco se enfrontase ás súas preguntas.
Tras a foto de familia á finalización do acto fronte ás portas da Catedral de Santiago, só Andreu regresou ao escenario da cita para contestar preguntas.
Segundo dixo Alberto Núñez Feijóo ao baixarse do estado co resto de homólogos, os presidentes autonómicos presentes na cita teñen previsto atender aos medios nos seus territorios en respectivas comparecencias de prensa este mércores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.