Amancio Ortega integra Uterqüe en Massimo Dutti

Xa anunciou que os produtos da marca deixarán de comercializarse en tenda propia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2021 | Actualizada ás 12:27

Comparte esta noticia

Inditex integrou as sociedades de Uterqüe en Grupo Massimo Dutti mediante unha fusión por absorción despois de que a compañía fundada por Amancio Ortega anunciase o pasado mes de setembro que toda a gama de produtos de Uterqüe pasaría a estar dispoñible na páxina web e en tendas seleccionadas de Massimo Dutti, co que deixará de comercializarse en tenda propia.

En concreto, a intención de Inditex é integrar Uterqüe, unha insignia que naceu en 2008 e que conta con 82 tendas, en Massimo Dutti ao longo do próximo ano, dentro da estratexia de anticipación e transformación dixital. A operación, publicada no Boletín Oficial do Rexistro mercantil (Borme), supón a extinción por disolución sen liquidación das sociedades de Uterqüe e a transmisión en bloque de todo o seu patrimonio á Massimo Dutti, que adquire por sucesión universal os dereitos e obrigacións das sociedades absorbidas.

Inditex busca desta forma aproveitar ao máximo a penetración e proxección que Massimo Dutti ten en mercados internacionais como Estados Unidos, Canadá, México ou Turquía desde hai anos. Deste xeito, a firma continúa a estratexia iniciada con Zara Home e Zara, onde, con "moi bos resultados", aprovéitanse ao máximo as sinerxías entre marcas.

Todo o resto de formatos, pola súa banda, seguen desenvolvendo a súa estratexia de transformación dixital integrada e manteñen aperturas de tendas relevantes. Ao peche do semestre, o grupo Inditex contaba con 6.654 tendas, tras a apertura de 92 novas tendas en 27 mercados de todo o mundo.

Novo concepto de tenda de Zara  Home. INDITEX
Novo concepto de tenda de Zara Home. INDITEX

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta