A Cidade da Cultura, o proxecto millonario de Fraga que vai camiño da súa nova reinvención

Acollerá o primeiro espazo de experimentación creativa. Anxo Lorenzo presenta no Parlamento o II Plan Estratéxico do complexo do Gaiás.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2021 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A Cidade da Cultura acollerá o primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia, un dos retos previstos no II Plan Estratéxico destas instalacións co fin de situarse como un espazo pioneiro de experimentación e divulgación sobre as novas linguaxes creativas. Unha nova reinvención deste edificio cun subrecusto para as arcas galegas de 400 millóns de euros desde que Manuel Fraga o concebiu como o seu gran proxecto cultural.

Así o anunciou este venres o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante unha comparecencia a petición propia na Cámara galega, na que achegou algúns dos detalles e iniciativas deste novo período para o complexo do Gaiás e explicou as liñas mestras deste documento de planificación aprobado este xoves no Consello da Xunta e que se presentará ao sector no mes de decembro.

Entre elas, destacou especialmente a creación deste novo centro de artes dixitais que nacerá co fin de situarse tanto a nivel nacional como internacional e para dotar ao sector cultural dun espazo de desenvolvemento e impulso de proxectos innovadores a partir das tecnoloxías máis relevantes aplicadas a este ámbito.

Para iso, a previsión da Xunta é realizar accións de adaptación dos aparcadoiros subterráneos na zona que se proxectaba para o proxecto de Teatro da Música, e onde hoxe en día se empraza o Edificio Fontán.

MOBILIZAR 30 MILLÓNS DE EUROS

Outras accións buscan dar protagonismo ás 40 hectáreas de espazos verdes que rodean o complexo, os servizos universitarios e de investigación do Edificio Fontán con iniciativas para aproveitar sinerxías, e potenciar o papel da Biblioteca e do Arquivo de Galicia, entre outros.

O obxectivo da Xunta, destacou Lorenzo, é mobilizar 30 millóns de euros no próximos seis anos para impulsar as accións previstas neste documento e impulsar o sector, con accións de promoción de creadores e mellorar as cifras cultivadas na propia Cidade da Cultura.

CONECTAR COA CULTURA GALEGA

Os grupos da oposición, pola súa banda, criticaron que a Xunta optase por facer "unha rolda de prensa BIS" en lugar de facilitar o documento do plan para poder enriquecer o debate sobre o texto.

A deputada socialista Noa Díaz insistiu en que a presentación parece "algo moi etéreo" aínda que recoñeceu que, "a falta de ver a letra pequena", inclúense diversos elementos e reclamacións trasladadas "durante moito tempo" para que a Cidade da Cultura funcione como polo creador e non só de exhibición.

Mercedes Queixas, deputada do BNG, lamentou que non se contase co ecosistema cultural galego no proceso participativo de elaboración do documento, un "todo para a cultura pero sen a cultura" que equiparou cun "despotismo cultural" co que non están de acordo.

Finalmente, Teresa Egerique (PP) considerou que o plan avanza cara a "o camiño correcto" e que os resultados e indicadores "son indiscutibles", situándose como un referente no ámbito cultural e de emprendimiento.

O conselleiro de Cultura pasea polas inmediacións da Cidade da Cultura. ÓSCAR CURRAL
O conselleiro de Cultura pasea polas inmediacións da Cidade da Cultura. ÓSCAR CURRAL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 Riolo

El otro día escuché a uno del partido comunista patriótico que la jefa soñaba con tener su residencia oficial en la Cidade da Cultura, en un palacio acorde con sus responsabilidades de estado nacional galego y socialista, además de crear un mausoleo para sus gallegos ilustres: Bautista del Unto, Reboiras, Paco Zarzuelas...Ni el mausoleo de Lenin le igualará.

1 Amancio

Home Riolo, pois non nos negarás que estaria mellor aproveitada que agora ou? Se o espanholismo anda deitando cartos por ai en obras faraonicas, como minimo que fagan algo de servizo.

3 Alienao

Hoxe en día é un vacinódromo

2 Sentidiño

No ano 2000 xa a anunciaban como "contedor" cultural: naceu para a reciclaxe.

1 Gamela

Visitamos a Cidade da Incultura no ano 2017 e aínda non estaba feito o Edificio Fontán, non sabemos os cartos que gastaron en reformar a Cruz dos Farrapos ... e agora 4 anos despois aínda queren enterrar outros 30 M€ neste Mausoleo ? https://youtu.be/bRfwBsB7JL0 A ver se nesta ocasión melloran a accesibilidade das persoas que precisen usar una simple cadeira de rodas... Anxo Lorenzo cantos anos leva enchufado na Consellería de Cultura, os postos na Cultura Galega seica son Vitalicios !