Pontón tacha o PP de "ridículo" polas súas preguntas sobre a independencia

O BNG pide que fondos Next Generation vaian a un plan de emprego e vivenda para mozas no canto da "multinacionais".

Por E.P. | PONTEVEDRA | 27/11/2021 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que a iniciativa que os populares levarán ao Parlamento para obrigar o Bloque a situarse sobre se queren ou non a independencia para Galicia evidencia que no PP "están moi nerviosos" polo "avance do BNG". A líder nacionalista censura que os populares chegaron a "un punto que xa é de delirio, por non dicir de facer o ridículo".

Este sábado, tras un acto da asociación xuvenil Galiza Nova en Pontevedra no que participou a líder do BNG, esta respondeu que "non sabía se rirse" cando lle preguntaron pola iniciativa que o PP levará ao Parlamento. Ademais, Pontón afirmou que o "nerviosismo" no partido que lidera a Xunta pode deberse a que "cada vez máis xente ve o BNG como unha alternativa para construír unha Galicia con futuro".

Na súa resposta, Pontón recriminou ao partido de Alberto Núñez Feijóo que "estean máis preocupados de facer oposición ao BNG" que de tratar outros temas como a emigración e o paro xuvenil.

Ana Pontón nun acto de Galiza Nova en Pontevedra. BNG
Ana Pontón nun acto de Galiza Nova en Pontevedra. BNG | Fonte: Europa Press

EMPREGO E VIVENDA

Ademais, Ana Pontón esixiu á Xunta que os fondos europeos Next Generation se invistan en políticas para o emprego xuvenil e o acceso á vivenda da xente nova en lugar de "pasar ás contas de multinacionais". O Bloque quixo mostrar o seu apoio á mocidade galega mediante varias iniciativas, como a proposta dun plan de emprego xuvenil e un 'plan retorna' con axudas para incentivar a volta a Galicia da mocidade emigrada.

Ademais, propuxeron a creación dun banco galego de vivenda como solución á baixa taxa de emancipación, mentres sinala que en Galicia hai 330.000 vivendas baleiras, segundo o Bloque, a maioría en mans da banca e fondos voitre.

SEN OPORTUNIDADES

A portavoz reprochou que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo "non dá oportunidades" á mocidade, á que denominou como "xeración estafada". Así mesmo, sinalou o 27% de paro xuvenil como un dos problemas máis graves en Galicia e criticou que, "aínda por encima", por parte do Executivo galego se "criminalizara" á xente nova durante a pandemia.

Por último, a líder dos nacionalistas galegos subliñou o compromiso do seu partido cos dereitos sociais, con iniciativas como a proposta de creación dunha lei galega de identidade de xénero e leis a favor das persoas LGTBI que consideren a violencia contra este colectivo como delito de odio, coincidindo co proposto no acto por Galiza Nova.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta