Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2021 | Actualizada ás 14:23
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, defendeu a importancia de abrir un debate para estudar a implantación dunha taxa turística ante o sobrecusto que asumen os municipios con maior afluencia de visitantes, especialmente no caso de Compostela.
En todo caso, mostrouse partidario de que a Xunta compense á cidade por estes gastos a través da achega polo Estatuto da Capitalidade, que actualmente se atopa por baixo das contías do ano 2009 e se sitúa preto dos tres millóns de euros.
O pleno municipal acordou o pasado xoves instar o Goberno galego a crear e regular unha taxa turística que permita gravar as estancias con ou sen pernoctación. A medida pide que se teña en conta as peculiaridades do turismo existente na capital galega e que achegue recursos aos concellos para favorecer un turismo sustentable.
A iniciativa aprobouse por mor dunha proposta presentada por Compostela Aberta e que, tras ser emendada polo grupo municipal socialista, contou cos votos favorables dos edís do PSOE, CA e BNG, ademais da abstención dos populares.
Ao ser preguntado en rolda de prensa sobre a oposición inicial da Xunta a esta posibilidade, Bugallo lembrou que o criterio da Administración "non é novo" e recoñeceu que "ten unha visión global a nivel de toda Galicia" que debe "respectar".
"Pero gustaríame que eles entendesen que a situación de cada municipio pode ser diferente", engadiu, dado que hai moitos concellos onde o impacto do turismo non supón "ningún tipo de sobrecusto", mentres que outros representan o caso contrario.
REGULAR, NON LIMITAR
Desde o Concello de Santiago móstranse "contentos" das cifras turísticas pero lembran que hai que ofrecer servizos aos visitantes que provocan "gastos adicionais" complicados de repercutir aos veciños, especialmente no caso daqueles que non se benefician directamente destes datos.
En todo caso, "o que se expón non é un tema limitador do turismo", aclarou, senón unha medida orientada "a ofrecer unha mellor calidade" e que este sobrecusto non derive "nunha diminución" dos servizos prestados aos cidadáns.
Bugallo mostrouse consciente de que Santiago é "en boa medida a percha na que se colga o turismo de toda Galicia" e representa unha parte importante da actividade na cidade, con preto do 20% do PIB e "miles de empregos". De feito, defendeu que a cidade conta con máis turismo en termos relativos que puntos como Madrid ou Barcelona, que contan con dita taxa implantada.
"Non somos antiturísticos en absoluto e moito menos antiperegrinos", aclarou o rexedor, que chamou tamén a "ser conscientes" da necesidade de adoptar medidas para que estes visitantes visiten a cidade nas "mellores condicións".
Bugallo defendeu, ademais, que esta taxa non ten que aplicarse "a toda Galicia", senón que a intención é que a Xunta aborde o debate sobre a regulación que, ademais, debería diferenciar aos peregrinos doutro tipo de visitantes.
CAPITALIDADE
O rexedor mostrouse partidario, ademais, de que se aborde esta compensación dos sobrecustos mediante "outro mecanismo", como poden ser as achegas polo Estatuto da Capitalidade. "A nós valeríanos igual e mesmo moito máis fácil de xestionar", engadiu.
Sobre este punto, lembrou que a achega da Xunta a través deste concepto "é inferior á do ano 2009", polo que lle parecería "un mecanismo absolutamente satisfactorio e razoable" para abordar esta situación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.