O Concello de Pontevedra busca transformar toda a cidade en zona de baixas emisións

Zona de Baixas Emisións (ZBE) son áreas, situadas na súa maioría no centro das cidades, nas que se aplican restricións de acceso, circulación e estacionamento de vehículos para mellorar a calidade do aire

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2021 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

O goberno local de Pontevedra aposta por que toda a cidade sexa considerada como zona de baixas emisións, xa que non é partidario de definir unha Zona de Baixas Emisións (ZBE).

"Queremos que sexa toda a cidade
", afirmou este xoves o concelleiro responsable da área de Mobilidade, César Mosquera. Así, sinalou que o Concello de Pontevedra traballa na aplicación das directrices para a creación de ZBE que desenvolve a Lei de Cambio Climático, aprobada en maio e que deberá estar en marcha antes de 1 de xaneiro de 2023.

As ZBE son áreas, situadas na súa maioría no centro das cidades, nas que se aplican restricións de acceso, circulación e estacionamento de vehículos para mellorar a calidade do aire e mitigar as emisións de gases de efecto invernadoiro.

O concelleiro responsable da área de Mobilidade compareceu este xoves en rolda de prensa para explicar que Pontevedra rexeita dúas das fórmulas que recollen as directrices: prohibición de circulación de determinados vehículos ou o pago de peaxes urbanas, e opta pola terceira vía que contempla a norma, en relación a considerar toda a cidade zona de baixas emisións o que obrigará a ir axustando a retirada de tráfico daquelas zonas da cidade que o soporten mal.

Mosquera indicou que o goberno local é contrario a crear unha área específica de baixas emisións dentro da cidade, xa que implicaría restricións no seu interior e a posibilidade de contaminar fóra dela. Así, considera que vai "totalmente en contra do modelo de cidade " e crearía "discriminacións" entre condutores que dispoñan dun vehículo novo e os que non o teñan.

Así mesmo, o concelleiro de Mobilidade detallou que o pasado 19 de novembro, o Ministerio de Transición Ecolóxica en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), publicou as directrices para a creación de ZBE nas cidades de máis de 50.000 habitantes.

Deste xeito, os gobernos municipais necesitan aprobar un Plan de Mobilidade Urbana Sustentable que inclúa a ZBE antes de finalizar este ano. Tamén advirte a norma da aplicación de certas sancións no caso de incumprimento como non poder acceder a fondos europeos como os Next Generation.

As fórmulas para crear esas ZBE son, por unha banda, a prohibición de circular, estacionar e entrar en certas zonas da cidade a certos vehículos sen distintivo ambiental. Isto significa que os vehículos diésel matriculados antes de 2014, os de gasolina antes de 2026, e as furgonetas de antes do 2014 non poderían entrar. E por outra banda establécese o pago de peaxes urbanas.

"VÍA MÁIS AMBICIOSA"

O Concello de Pontevedra mantivo diversos encontros co Ministerio para tratar de habilitar unha terceira vía: reducir os tráficos, as emisións e recuperar o espazo público. "Trátase dunha vía máis ambiciosa que o mero feito de quitar o tráfico", explicou Mosquera. Esta terceira opción está agora recollida nas directrices.

César Mosquera destacou que o Concello de Pontevedra sempre foi partidario de que "circular pola cidade é para quen o necesite, non para quen poida pagalo", engadiu, por iso o goberno local sempre se opuxo a adoptar "medidas traumáticas ou discriminatorias" con persoas que non se poidan comprar un coche novo ou non poidan pagar por acceder.

O concelleiro confirmou que Pontevedra manterá esta postura de "seguir avanzando en quitar o tráfico nas zonas que o soportan mal, mantendo sempre os tráficos de servizo".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista para Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista para Europa Press | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta