Médicos de familia consideran que os cidadáns terán que pór "unha cuarta dose" contra a covid

Sinalan que o efecto da vacina de Pfizer podería ser "relativamente baixo" ante a variante Ómicron.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2021 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

O portavoz da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG), o lucense Lorenzo Armenteros, considera que os cidadáns terán que porse unha "cuarta vacina" contra a covid.

Armenteros sinalou que o efecto da vacina de Pfizer podería ser "relativamente baixo" ante a variante Ómicron, o que obrigaría a "estar continuamente revacinando". "Máis que reforzar será revacinar para poder manter un estado inmunitario adecuado que permita reducir a progresión da enfermidade que non a transmisión", sinalou.

"Estamos a ver que mesmo con vacinados non se impide esa transmisión, só reduce o progreso e o grao de enfermidade naqueles que se poidan contaxiar e entón terán menos grao de afectación", pormenorizou.

Lorenzo Armenteros queixouse da "falta de coordinación" para administrar a terceira dose, ou dose de reforzo, para a franxa de idade de 60 a 50 anos e para o inicio da vacinación dos menores de 12 anos. "Cada comunidade autónoma está a tomar unhas decisións pola súa conta. Uns vacinan en colexios, outros en centros de saúde ou en vacudrónomos.Non hai un acordo, nin unha estratexia común para facer esta vacinación", lamentou.

O facultativo lucense obxectou, seguidamente, que o que se ve é que "se fai todo rápido, cunha velocidade desorbitada e sempre por detrás dos acontecementos".

"O que se podía facer con precisión, faise agora con unha premura e unha velocidade que obriga a sobrecargar todas as estructuras sanitarias", protestou finalmente o portavoz da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, Lorenzo Armenteros, que puxo o acento na sobrecarga que vai sufrir de novo a "Atención Primaria".

Vacinación no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Vacinación no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo | Fonte: Europa Press - Arquivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta