Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2021 | Actualizada ás 20:00
As seleccións galegas dos distintos deportes contan xa cun himno á parte do propio de Galicia. A Plataforma Vía Galega presentou vén de presentar a peza “Galiza, un Pobo, unha selección”, unha composición gravada con 28 integrantes que, de maneira desintersada, poñen súa voz e música, de maneira , “para reivindicar o dereito a contarmos coas nosas seleccións nacionais en todas as disciplinas deportivas e a participar en competicións sen limitacións baixo a nosa bandeira”, en palabras de Anxo Louzao, voceiro de Vía Galega.
O himno foi presentado nunha rolda de prensa que contou coa asistencia de Bieito Lobariñas, membro do grupo Zurrumalla e responsable da música e letra da composición. Xunto a el estiveron Tamara Martínez, membro do grupo Os Residuos Atractivas e autora dos arranxos das voces; Cosme Pombo, membro do grupo musical Airiños do Fiouco; e Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega.
A iniciativa de Vía Galega enmárcase nunha campaña a prol das seleccións autonómicas en distintas disciplinas, e, en palabras do de Louzao, “trátase dun himno deportivo para reivindicármonos como nación e identificarnos cos nosos símbolos e cánticos”. Por iso esixen á Xunta “que procure os medios para formar seleccións nacionais en todos os deportes porque lle corresponde e é a súa obriga pórse ao fronte para acadar as plenas competencias para competir oficialmente e internacionalmente”, engadiu.
A composición, destacan, "condensa e sintetiza" os obxectivos e reivindicacións desta campaña, “con enerxía, contundencia e emoción”. “Un canto para fortalecérmonos como nación que apela os nosos sinais de identidade colectivos e incentiva a nosa autoestima”, indicou, “só nos queda pedir que se difunda por toda Galiza e pase a ser un cántico que resoe en todos estadios, canchas e eventos deportivos”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.