José Tomé: "houbo quen quixo segar a brillante carreira política de Besteiro"

O presidente da Deputación de Lugo apunta a finais de xaneiro como data para relevar a Gonzalo Caballero da portavocía do Parlamento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2021 | Actualizada ás 12:34

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, sinalou que "o normal" é que o PSdeG designe ao novo portavoz parlamentario para relevar a Gonzalo Caballero unha vez se reinicie o período de sesións no mes de xaneiro tras o período das festas do Nadal. Así se pronunciou en declaracións aos medios tras a presentación do piloto Eduardo Iglesias, co que colabora a deputación para o rally Dakar, onde precisou que "a executiva galega analizará a situación do grupo parlamentario e o normal é que designe un novo portavoz".

"O secretario xeral (Valentín González Formoso) dixo que non había ningunha présa, que o fará efectivo a partir de cando se empecen a retomar os plenos (no parlamento de Galicia), que será a finais de xaneiro. O normal será facelo nese momento, no novo período de sesións", subliñou.

O presidente provincial escusou a súa ausencia na reunión da nova executiva do PSdeG, que celebra este martes en Santiago o seu primeiro encontro tras o proceso de renovación interno no que Formoso se impuxo ao secretario xeral do últimos catro anos, Gonzalo Caballero. E é que o tamén alcalde de Monforte se despraza na tarde deste martes a León, onde participará na reunión da Rede de Xudarías de España, á que pertence o seu municipio.

"Eu espero que a provincia de Lugo teña na dirección do grupo parlamentario unha presenza importante", sinalou Tomei, que non quixo pronunciarse sobre a posibilidade de que o deputado Luís Álvarez asuma a portavocía. "Todos os compañeiros e compañeiras son válidos. Na provincia de Lugo temos máis dun que podería valer. En todo caso, eu estou convencido que a provincia de Lugo vai estar presente na dirección do grupo e logo corresponde ao secretario xeral decidir quen é ese portavoz"; indicou.

Finalmente, sobre a figura de José Ramón Gómez Besteiro, o presidente da Deputación valorou que "Besteiro é unha persoa que levantou ilusión desde que se dedicou á política, primeiro como concelleiro e logo cando foi presidente da Deputación e secretario xeral (do PSdeG)".

"É unha persoa que está aí, a disposición do partido. Lamentablemente houbo quen lle quixo segar unha carreira política brillante, pero iso non quere dicir que non poida ser útil ao partido no futuro. Agora non estamos niso, agora mesmo estamos en que acaba de haber un congreso onde hai un novo secretario xeral, unha nova dirección, un novo equipo que vai levar ao partido a cotas altas para recuperar a Xunta de Galicia", sentenciou.

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomei.
O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomei.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta