Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2021 | Actualizada ás 18:49
A Xunta implantará "nas próximas semanas" novos servizos de autobús aos cinco centros penais de Galicia --A Lama, Teixeiro, Bonxe, Monterroso e Pereiro de Aguiar-- para incorporar máis frecuencias e uns horarios axustados ás quendas de visita de cada un dos cárceres. Trátase dunha iniciativa "pioneira", segundo destaca a Administración autonómica, que foi deseñada no marco dun estudo "novo" en España impulsado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
En concreto, técnicos da Dirección Xeral de Mobilidade comezaron o mércores a presentar e abordar o plan cos responsables dos centros penais, que xa achegaron as súas propostas durante a fase de deseño destes novos servizos. Entre as melloras que inclúe a proposta, a Xunta destaca liñas específicas cara aos cárceres, a ampliación dos itinerarios de rutas próximas xa existentes, o incremento de frecuencias e o axuste dos horarios dos servizos ás quendas de visita. Ademais, cada prisión contará con actuacións específicas segundo as súas circunstancias e as prioridades establecidas polas direccións.
NOVIDADES DE CADA CENTRO
No caso da prisión de Teixeiro, terá conexións en dous eixos. Por unha banda, aproveitarase a situación de Betanzos como nó de comunicación do transporte público do corredor A Coruña-Ferrol, o que permitirá tamén ligazóns con Lugo. Doutra banda, este centro penal intégrase nos servizos entre Santiago de Compostela e Vilalba, engadindo unha parada na entrada do propio recinto.
En Lugo, o centro de Bonxe estará conectado coa capital provincial e coa Coruña con servizos nos que a parada do cárcere prestarase baixo demanda. Á parte das visitas, a activación desta parada facilita o acceso ao transporte público aos familiares residentes nos pavillóns-vivenda do recinto.
Mentres tanto, o cárcere de Monterroso contará con servizos baixo demanda desde Lugo, que se engaden aos xa existentes desde a capital e a outros que conectan o centro con Lalín (Pontevedra), A Coruña e Ourense.
Na provincia de Pontevedra, o centro penal da Lama xa está conectado na actualidade coa Boa Vila e con Vigo, pero haberá novos servizos e adaptaranse os actuais para axustalos aos horarios de visita.
Finalmente, en Ourense, para prestar servizos entre a cidade e o centro de Pereiro de Aguiar, modifícase o itinerario dunha liña incluíndo unha prolongación ata o recinto e engádense expedicións adecuadas ás quendas de visita.
De feito, a Xunta apunta que os internos de terceiro grao deste cárcere que se desprazan a Ourense por motivos laborais e de formación beneficiaranse da mellora dos servizos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.