Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 19/12/2021 | Actualizada ás 18:54
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) advirte que, "por lei", a adscrición dos terreos de Lourizán nos que se sitúa a pasteira de Ence ao porto de Marín depende de que a propia empresa abandone o seu actual emprazamento. A través dun comunicado remitido a medios este domingo e asinado polo seu presidente, Antón Masa, a APDR recalca que esta operación, defendida pola Xunta en base a un ditame do Consello Consultivo de Galicia, "só se podería facer" unha vez os terreos "estean libres".
Segundo a asociación, o que "realmente" pretende reivindicar tanto o Goberno galego como un sector sindical da pasteira é "a adscrición de Ence ao porto, algo ben diferente á adscrición dos terreos de Lourizán e radicalmente contrario" ao que avala o Consello Consultivo.
Neste sentido, APDR sinala que "por lei" esta compañía "non ten cabida en terreos portuarios". "Tanto a Xunta de Galicia, como a Autoridade Portuaria de Marín, como a propia Ence e os sindicatos, saben que isto é así. Con todo, non teñen reparos en promover e/ou apoiar unhas posicións e unhas loitas que, saben perfectamente, están abocadas ao máis rotundo dos fracasos", lamenta Masa no seu comunicado.
Con todo, a asociación asegura que as posibilidades de adscribir os terreos ao porto de Marín son "moi remotas" mesmo aínda que a pasteira non estivese alí. Isto é así porque precisaría dos informes favorables de "cando menos" os ministerios de Transición Ecolóxica, Transportes e de Asuntos Económicos, que "non parecen estar polo labor".
Ademais, a APDR insiste en que esa zona que actualmente está ocupada pola factoría "tense que recuperar para o uso e goce do conxunto da cidadanía" un obxectivo ao que a asociación non pensa "renunciar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.