Por Gabriel Rei-Doval | Denver (Colorado, USA) | 27/12/2021 | Actualizada ás 12:10
Cando saímos do aeroporto, procurámo-lo auto que nos levaría ata Colorado Springs con Vicente e Nieves, que chegarían desde as Iberias despois dunha longa viaxe. A interacción con tan distinguidos colegas amorteceu o shock da miña arribada a Colorado. Non dixen moito, porque necesitaba meditar sobre a intensidade aeronáutica, tsunami do corazón encapsulado nunha desas botellas lanzadas ó océano onírico pola alma humana. E mentres a mente recuperaba lembranzas idas de Pikes Peak e o Xardín dos Deuses, non deixaba de matinar nos recados que, desde o Olimpo dos soños, o magma colectivo da psique quería mandarme.
Pasaron os días, o Simposio comezou e o mundo onírico continuou vizoso con formas alternantes entre Pikes Peak e Twins Peak, mentres o poder da forza coqueteaba co pasado desde a soleira dos soños. Polo día impoñíase a realidade ordinaria da seriedade académica, mentres á medianoite espírito, corazón e alma creativa bailaban cal arrabeados sultáns do swing.
Ó devolve-lo SUV onda o Aeroporto Internacional de Denver voltei á terminal, e velaí xurdiu no cabo da Liña A, como saído da nada, o Equipo A do galicianismo planetario, acabado de aterrar en triunfal voo transoceánico, completamente preparado para, a mañá seguinte, asalta-los ceos do sistema universitario de Colorado. Que oráculo puidera propiciar aquel azaroso encontro meu coas elites académico-culturais galegas onda a maior superficie aeroportuaria do país?
O día seguinte comezarían as sisudas negacións filosóficas da saudade, as penetrantes avaliacións da esencia verdescente e mailas rumorosas críticas ó prácido luar do intelecto. Deixaría deste xeito Galicia de ser Terra chuviosa e morriñenta? Terían as nosas vaguidades cumprido fin tras convertérmonos no revulsivo intelectual do cosmos académico?
Aquela noite, instalado do Courtyard Marriot de Denver entre ecos de unicornios extraviados e arrecendo a corno queimado, visitoume Morfeo apenas xacín alí. Así aparecín onda o pozo de sabiduría alquímica de McKenna. Onda min, tomando o sol con ghafas escuras sobre palapas tropicais, xacían seis ananas en cadansúa hamaca de praia. As ananas preparaban un magosto en pleno San Martiño oficial, sostiñan biblias en español, inglés e galego e recitaban pasaxes apócrifas nunha lectura estrafalaria.
A anana en xefe vestía queixada achatada e ancha, cadeiras en ángulo convexo, andar de parrulo mareado e tiña a palma das mans formada por unha ensalada de chícharos, maínzo, arroz e granada. De súpeto, a súa fronte tornou vermella e os grans das mans desprendéronselle coma follas caducas. Outra anana, escuálida, de ollos mouros afundidos, orellas puntiagudas e naricísimo infindo, falaba barato con ínfulas de aspirante a baronesa e verbo caprichoso. Unha terceira anana, con vestido catwoman, capa negra e casco darth vader, cortaba altas copas de arume arpado coa súa poderosa espada láser. A cuarta anana, con cara de esquío asustado e melena castaña, limitábase a obedece-las ordes das outras cinco ananas. As últimas dúas, siamesas dominatrix de alta voltaxe, cantaban en salvaxe compaña versións apócrifas de Wannabe e Amor de verano mentres brandían os seus látegos de coiro negro contra o chan e pisaban con garbo sobre afiados tacóns de agulla. A primeira anana siamesa, cos seus dentes de castor en forma de lambda maiúsculo, decaía na pronuncia de sons interdentais mentres a segunda, con pernas de flamengo desplumado e crinas de unicornio toleirán, debuxaba bacihelmos no chan co seu rebenque de coiro.
Ante tan apocalíctico panorama, optei por fita-las miñas mans e aparecín sen pausa no Xardín dos Deuses. Con todo, para a miña sopresa as siamesas, empoleiradas nun camion vermello de bombeiros cun tanque de queroxeno coroado por mangueiras laranxas, apareceron tamén teletransportadas para continua-la persecución a todo filispín.
Corrín todo o que me deron as pernas lonxe do camión e acabei batendo onda uns penedos cun niño de serpes de cascabel. Ó parar en seco o camión das ananas embestiume e caín seminconsciente. As ananas inmobilizáronme de contado: dúas estiraban os meus brazos ata o límite, mentres outras dúas cravaban os seus tacóns de agulla nos meus nocellos. E daquela, mentres unha das siamesas oraba cos chavellos ó solpor das Rochosas, a súa xemelga darthvader achegaba a espada láser ó meu pescozo e afastaba o gume ó oriente con intencións derradeiras.
Daquela, mentres a anana vampiresa procedía á decapitación láser, a insistente bucina do camión de bombeiros comezou a soar con estridencia en intervalos regulares de medio segundo e visualicei un túnel negro, estreito e infindo.
A sirena do camión fíxose máis e máis intensa e audible ata que puiden abri-los ollos. O espertador do meu móbil alertábame con estridencia de voltar á realidade ordinaria e prepararme para a derradeira xornada do terceiro simposio norteamericano de estudos galegos.