1 de 89 en Viaxes seguinte

Entre o ceo e o mar

Nesta sesaxésimo novena entrega de 'Viaxes sen Lee', o navegante emocional Gabriel Rei-Doval segue documentando sospeitas ufolóxicas na costa de California

Por Gabriel Rei-Doval | Cambria (California, USA) | 07/12/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

En ruta á California máis sureña, tomei de novo a costeira Highway 1 para reunirme con Marcelo e Pedro en Cambria. As ondas do Pacífico batían con forza nos cantís do Golden State mentres dubidada se os irmáns do ceo  me farían ansia-lo Cambre das Mariñas dos Freires. 

Onda o Penedo de San Simón, en Cambria (California)
Onda o Penedo de San Simón, en Cambria (California)

A Cambria californiana comezou sendo tsɨtkawayu, lugar de cabalos, convertido logo na vila da lousa onde os galeses deixaron a súa pegada. Os marabillosos periplos onomásticos ocultan decote dominacións presentes na nosa memoria social. Mais, para dominacións contemporáneas, a dos hispanos asimilados con Guadalupe-Hidalgo e, inda máis preto, a de morenos como Marcelo e Pedro, expelidos pola necesidade económica e a discriminación étnica.

Ó escaparen anos atrás cos pais na camioneta desde Davenport, Marcelo e Pedro ignoraban o vencello de Cambria co tráfico de mercurio no século XIX. Instaláronse na confortable vida de piñeiros aztecas, surf skimboard e pesca vagarosa en caiac no anonimato segredeiro de Cambria. Alí, o sustento familiar pasou a depender da hostalaría e, apenas completaron a secundaria, mudáronse a Santa Bárbara para estudaren Enxeñería Mecánica e Oceanografía. Rematada a carreira, á belida mente de Marcelo resultoulle fácil entrar na Forza Aérea e comezou a percorre-los ceos de California no seu F-15. Entrementres, Pedro comezara no seu máster oceanográfico a pescuda-lo subsolo das Channel Islands próximas á vila de Goleta.

Marcelo tiña en Cambria un refuxio seguro onde compartir con Pedro os achados ufolóxicos das longas horas sucando os ceos de California. As ondas mariñas fixéranlles esquece-las dificultades pretéritas e Marcelo cavilaba nas informacións publicadas polo New York Times un ano atrás que encaixaban cos seus avistamentos onda as Channel Islands. Os anos adolescentes mantiveran unidos aqueles dous mozos mexicano-americanos que complementaban senllas olladas desde as alturas e baixo o fondo dos océanos, entre o ceo e o mar.

Marcelo tivera, en quince anos de contacto coa tecnoloxía da forza aérea, ocasións diversas para confirma-los avistamentos ovni da infancia, reforzados asemade por outros compañeiros en voos diversos ó longo da costa oeste. Unha mañá de outono, mentres perfeccionaba un xiro aerobático Immelmann co seu caza sobre a Illa de Santa Cruz, houbo de bater cun obxecto cilíndrico con forma de habano que gañou mil pés de altura nun intre como se a aerodinámica básica lle fose allea. Aqueles relatos eran ignorados por calquera piloto que procurase unha carreira militar exitosa, o que incrementaba os ronseis silenciosos de estrelas e lúas sumisas. As conversas con seu irmán Pedro, entre Cambria e Santa Bárbara, servíanlle a Marcelo de terapia fraternal para non tolear con tanta información, decote contida ante os descridos superiores da Forza Aérea.

Baixamos á praia xunta ó arroio de San Simón, onde uns despreocupados turistas pescaban, cos seus chapeus de palla ocultando sorrisos loiros cómplices, xusto onde desemboca o arroio. E alí, onda o Penedo de San Simón, Marcelo completou aquela historia entre o ceo e o mar, á que eu apenas souben retrucar cantaruxando "cercáronme as ondas grandes do mar; non ei barqueiro nin sei remar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA