Por Gabriel Rei-Doval | Davenport (California, USA) | 21/09/2024 | Actualizada ás 11:00
Tralas abraiantes teorías de Audrey no corazón de Stanford sobre seres extraterrestres, era tempo de continuar viaxe rumbo sur. O fume dos incendios preto de Los Ángeles esborranchaba os ronseis dos avións comerciais nun ceo polo demais azul. Así que seguín a Highway 1 para retoma-lo itinerario incerto cara ó Pacífico en ruta zigzagueante a través de La Honda e, lonxe do ruído urbano, enchoupeime de soidade na California rural mentres cavilaba nas hibridacións entre alieníxenas e humanos das que falaba Audrey.
Días de inmersión urbana na selecta California favorecían o devezo por retoma-la paz rural cando, na carreiriña dun can, chamou a miña atención a aldeíña de Davenport e os seus cantís intercalados con belidas praias do Pacífico. E alí estaba Marcelo, coa súa entallada camiseta de surfista moreno e táboa de listas vermellas. Achegueime amodo ó cumio do cantil cando el, táboa de surf na man esquerda, ante a miña sorpresa, fitoume mentres acenaba coa man con estraña familiaridade. Confiado como Phileas Fogg presentindo un Passepartout ó rescate, seguino por unha ruta costa abaixo, entre un fermoso arboredo de cipreses verde Moctezuma. En chegando á praia, sentín a fina area de Davenport Beach masaxea-los meus metatarsos entalados mentres conversabamos da atmosfera por veces irrespirable no sur de California. Pregunteille pola fermosura dos cantís, lembrando a escarpada Garita de Herbeira camiño de Cabo Ortegal e as vidas rabenadas polos degoirados percebes. Mais Marcelo, con ollar silencioso, devolveu a miña atención ás preocupacións de Davenport: a caza ilegal de baleas e a contaminación da cementeira local pechada anos atrás.
Os veciños da aldea relacionaran o mercurio xerado pola canteira de Cemex con desatinos psiquiátricos entre a veciñanza, que latricaba sobre naves extraterrestres emerxeren do Pacífico. Marcelo sufrira en carne propia tales estigmas. Seu pai Ángel emigrara desde a Baixa California para traballar na canteira e compaxinara durante anos estudos e xornadas enteiras nas instalacións da planta. Un día, mentres practicaba surf en Waddell State Beach, albiscara unha estrutura metálica circular erguerse na liña do horizonte e, nun intre, suca-lo ceo de norte a sur antes de desaparecer sen deixar rastro.
Contou a historia, primeiro na casa aquela noite e na escola o día seguinte, e con seu irmán Pedro frecuentou cada vez máis as praias da vila reparando en obxectos misteriosos que enxergaban á luz do día e luces que avistaban tralo solpor. Ó esparexeren os seus comentarios entre os cativos da aldea, a saúde mental da familia foi estigmatizándose e comezaron a alcumalos “the saucers” e os homes do ceo. O sindicato da planta mesmo someteu Ángel a unha analítica completa, cuxos resultados revelaron niveis de mercurio elevadísimos no seu metabolismo e a familia sufriu tanto o escrutinio psicolóxico coma o estigma étnico-racial dos anglos da vila. A súa condición hispana, a procedencia humilde e seren nativos de nós ufolóxicos da Baixa California como La Rumorosa e Rosarito provocaron a mofa xeral dos brancos poboadores da zona.
Un serán, mentres pescaba lirpas no luscofusco onda Davenport Pier, Pedro observou unha luz potente emerxer aliñada na distancia cos pivotes do arruinado peirao ata quedar estática flotando no aire mareiro. Chantado diante del, aquel triángulo xiraba sobre si mesmo como se as leis físicas lle fosen alleas sen emitir ruído nin amosar sinal ningún de propulsión. Cando compartiu a historia cos rapaces da escola volveron facerlles chacota, desta volta xirando o índice cara adiante en forma de roda arredor da tempa dereita. A situación acabou de estigmatiza-la familia, á que alcumaban xa abertamente os homes do ceo e consideraban mad as a hatter.
Ó día seguinte, o médico da fábrica apareceu na casa de Ángel e María para trata-la familia toda con tioridazina, que deixou na mesa da cociña coa posoloxía escrita na receita. De mañanciña, sen chiar, toda a familia empacou as súas pertenzas e saíu na camioneta de Ángel para Cambria, a vila sureña onde os fillos puideron medrar nun ambiente máis anónimo.
Aquel sábado de novembro era a primeira vez que, unha década despois, Marcelo volvía a Davenport para gozar do surf na praia onde aprendera a nadar e enxergara por vez primeira os homes do ceo. A fuxida precipitada da vila sandara co tempo, coa familia xa instalada no sureño condado de San Luís Obispo, e logo de Marcelo e Pedro aprenderen a importancia de mante-los segredos. Mais a miña aparición creara algún tipo de inesperada conexión telepática que reabrira a caixa dos tronos do traslado a Cambria. Compartíndomos ondas cerebrais cuánticas resucitamos unha historia soterrada por máis dunha década. Oxalá as conversas posteriores en Cambria permitiran pecha-lo ciclo inconcluso dos homes do ceo.