Mulier academica

Nesta sesaxésimo sexta entrega de 'Viaxes sen Lee', o navegante emocional Gabriel Rei-Doval asiste á saída da espiral académica grazas á providencial tensegridade californiana

Por Gabriel Rei-Doval | Oakland, California (USA) | 23/06/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A saída de Berkeley trouxo á miña memoria os sempiternos debates sobre títulos de autopresentación e posicións de poder e xerarquía universitaria. Pensei se na busca de tan altos recoñecementos agromaría unha forma de distinción nobiliaria obtida vía blasóns académicos. E matinaba, camiño de Oakland, nas razóns de tantos profesionais universitarios manteren tan desaforada procura.

O edificio de Haley Law Offices en Oakland, California
O edificio de Haley Law Offices en Oakland, California

Antes de despedírmonos en Berkeley, Xander falárame da súa amiga Jeanie, con quen mantivera unha relación intensa, sendo os dous estudantes sophomore de antropoloxía na Universidade de California, antes de espertaren a cadansúa condición de xénero. Jeanie inda tivera tempo para un fugaz casoiro con Bernie, oficial de bombeiros en Oakland, do que nacera a pequena Audrey, hoxe doutoranda na Universidade Stanford.

Mais as madeixas da vida levaran Jeanie a desencantarse co mundo académico ata tal punto que decidira reciclarse como auxiliar xurídica nunha prestixiosa firma de avogados de Oakland, dando un xiro copernicano á súa vida tralo que chegou o necesario equilibrio persoal, imposible no poleiro académico da antropoloxía.

Oakland pasou, coma a Ferrolterra, de ser prominente terra de carballos a eucaliptal senlleiro do oeste e tamén comparte coa nosa costa ártabra a paixón pola construción naval. Foi esa a razón de a familia afroamericana de Jeanie mudarse desde a sureña Luisiana ata Oakland en plena postguerra. Seu pai John, cualificado operario do gremio naval de remachadores, reconvertido a mestre soldador, enorgullecíase de ter criado a primeira moza universitaria na súa familia afroamericana de férreos valores baptistas. 

O espírito varudo de John centrárase en medrar profesionalmente, mentres a súa rexa intolerancia republicana magoaba a vida marital con Martha, sufridora de tódolos seus fracasos, e mentres Jeanie calaba os maltratos psicolóxicos que John sepultaba en claretes tras misas dominicais. Nese mundo de contradicións, Jeanie soterrara as frustracións familiares baixo a paixón abnegada do intelecto. O mundo das ideas convertérase así en oasis seguro contra a ira baptista de seu pai. 

Mais o traslado a Berkeley para estudar antropoloxía abríralle a caixa de pandora da sexualidade reprimida.  E cando Jeanie saíu do armario tralo casoiro fugaz con Bernie, seu pai estoupou en cólera divina ó coñece-las súas paixóns lésbicas. A rixidez dunha mente criada no deep south estaba nas antípodas dos aires arco da vella que Jeanie respirara na bay area.

Só a chegada ó mundo de Audrey e o traballo terapéutico sobre a súa adición ós claretes conseguiran mingüa-la ira divina de John e reconduci-lo río atmosférico da súa personalidade a unha mínima paz interior no temperado clima de Oakland.

Con longos anos de psicanálise lacaniana, John puido acepta-la diversidade sexual de Jeanie mentres batalla co carácter non-binario de Audrey, a meniña dos seus ollos sugar maple. Os resultados melloraron ó se decatar de que a súa familia sobrevivira a peste estupefaciente que Oakland combatía desde os tempos dos Black Panthers.

O porto de Oakland supera o de San Francisco na bay area coa mesma claridade que Punta Langosteira domina Caneliñas nas nosas Rías Altas. E foi ese coñecemento da cultura dos estaleiros herdado de seu pai e a sólida formación en antropoloxía cultural o que lle permitiu a Jeanie supervisar con intuición certeira os casos de dereito portuario na firma de avogados onde renaceu laboralmente. 

Exhausta con especies de capital, formas de poder, heréticos consagrados e adversarios cómplices, un día morno de abril comunicou á súa universidade que abandonaba o seu cómodo posto de profesora titular con tenure para que outros xestionasen as rupturas dos equilibros académicos. Esa recuperación da harmonía permitiulle ademais ocuparse de integra-las opcións non-binarias de Audrey e axudar a seus pais a aceptaren tan retadora situación.

Mais as férreas estruturas paternas da soldadura persistían. Ata que atopou a saída á espiral sempiterna: un curso de tensegridade en Culver City trouxo o punto de encaixe á súa vida, lonxe das estruturas que a tiveran agrilloada durante décadas. A harmónica técnica da tensegridade permitíralle a integración holística de gozos e sombras diversas nun contexto equilibrado.

O camiño de Jeanie continuaba agora con ferramentas novas para dilemas antigos. A espiral daquela mulier academica californiana atopara a necesaria saída tralo longo túnel da saga/fuga familiar de Luisiana. Audrey turraba por converterse en mulier academica, Jeanie mudara de mulier a muller, e de académica a asexadora. Agora si, sentíase completa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA