Por Gabriel Rei-Doval | Goleta (California, USA) | 01/02/2025 | Actualizada ás 12:00
Na saída desde o San Simón de Cambria, a Highway 1 transfórmase temporalmente en Cabrillo Highway en lembranza dese mariño para moitos galego. Mais as navegacións imperiais cotizan á baixa e optei por centrarme nas epopeas espreitantes no condado de Santa Bárbara. Evitei os encontros académicos para centrarme nas cartas mariñas que Pedro me tiña preparadas na costeira vila de Goleta. Sabedor da miña curiosidade ufolóxica, citoume en Tajiguas Beach, con paseos vagarosos pola praia de areas rumorosas como principal engado.
Os surfistas marcharan ante a proximidade do solpor naquela vila atacada por Sir Francis Drake co mesmo éxito que obtería na Coruña unha década despois. Aquel serán nin procurei mexillóns ás agachadas nin me tentaron os percebes locais en rochas extraviadas e utilicei a demora de Pedro para entregarme á soidade da praia.
Apartei no punto acordado, crucei a vía do tren deserta e accedín á praia por un carreiro angosto entre a herba fresca do avanzado outono. A costa enxergábase diáfana, lonxe dos vieiros sinuosos entre a Bestarruza e o Inferniño soñados tantas veces desde o medio-oeste infindo. E, co meu maxín voando sobre as cartas mariñas do corazón, chegou aquel moreno silandeiro de andares decididos bautizado como Pedro nunha mañá de paquebotes esmaltados.
Avanzou pola praia con ollar a sotavento e, apenas chegou onda min, principiou o seu mergullo nos segredos ocultos baixo as augas das Channel Islands. Pedro coidaba infrarrepresentado o subsolo mariño daquel cuadrante roubado á memoria dos tempos. Con madurez xuvenil retaba as verdades interesadas da ciencia subvencionada polos petos da oligarquía militar. O coñecemento científico parecía emanarlle dunha espiritualidade que as longas noites de estudo oceanográfico non deran aniquilado. Enchoupárase dunha ambición silenciosa pola exploración das profundidades e devecía polo estudo subacuático dun mundo ignoto vinte mil pés baixo o mar.
A costa sur de California estivo poboada durante milenios polos Chumash antes de o home branco chegar a aquel mundo preexistente. Fálano-la lenda nativoamericana desa tribo creada na Illa de Santa Cruz por Hutash, a deusa da Terra, a partir de sementes antigas de plantas máxicas. Casada coa Serpe do Ceo --a Vía Láctea do noso Camiño de Santiago-- a Hutash xurdiulle un día o dilema de acceder ó continente. Daquela construíu un arco da vella entre o outeiro máis alto da Illa de Santa Cruz e as montañas de Carpintería. Así cruzaron os Chumash a ponte multicolor e poboaron un continente ata entón ermo. Mais, presos algúns de vertixe ó cruzaren, caeron ó fondo do océano e crearon os golfiños, irmáns seus desde entón.
Pedro tiña a teoría de que aqueles camiñantes aéreos polo arco da vella Chamush eran en realidade devanceiros das estrelas que chegaran en época antiga a California desde algún planeta da Vía Láctea, e que a súa caída ós océanos en realidade revelaba a conexión das profundidades mariñas con poboamentos extraterrestres. Mais quería demostrar esa conexión desde a ciencia oceanográfica contemporánea, explorando o leito mariño cun vehículo dixitalizado de operación remota. Explorador subacuático empedernido e fascinado polas odiseas de Jacques Cousteau e Louise Malle, Pedro devecía por rebenta-los misterios do mundo silencioso ocultos baixo o subsolo das Channel Islands.
O avanzado outono Chumash pintábano golfiños taciturnos e o vermello morno do serán. Naquel occidente de solpores incribles, xacía un mundo segregado entre o ceo, o mundo do medio e o universo subacuático. A ambición de Pedro era debuxar novas cartas mariñas e revela-los misterios ocultos vinte mil pés baixo o océano.
Aínda sen garantía de financiamento para tan ambicioso proxecto, seguía á procura dalgunha institución billonaria que lle sufragase os escáneres de última xeración. Estaba convencido de que as medicións baixo o mar entre Santa Cruz, Santa Rosa e San Miguel habían corrixi-la profundidade dos vales e montañas subacuáticas, e que as imaxes de alta resolución baixo as Channel Islands e o escaneo dixitalizado do leito mariño habían revela-la súa natureza oca, abrindo a posibilidade de poboadores extraterrestres explicaren a actividade ufolóxica da zona.
Aseguraba Pedro que as estimacións de profundidade na costa californiana entre Santa Lucia Bank e Goleta eran erradas. Mais ó seu proxecto de trazar novas cartas mariñas en 3D desde vehículos subacuáticos para pescudar vida intelixente vinte mil pés baixo o mar de California, respondín pedindo evidencias claras.
E así, co sol xa oculto na praia de Goleta, foramos ficando sós, o océano, as profundidades e mais nós. E Pedro, con ollar esguello sobre o horizonte, retrucou apenas "a evidencia procede dun lugar chamado Mugardos".