A distinción binaria de Stanford

Nesta sesaxésimo sétima entrega de 'Viaxes sen Lee', o navegante emocional Gabriel Rei-Doval explora a soleira entre a fluidez e o binarismo no sistema académico estadounidense

Por Gabriel Rei-Doval | Stanford (California, USA) | 31/08/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A distancia física entre Oakland e Stanford é similar á que media entre A Coruña e Santiago. A distancia académica sempre resulta difícil de calcular. Oakland conta cunha ducia de universidades e A Coruña só ten unha; Compostela abeira a máis antiga universidade galega, mentres Stanford é a cuarta máis selectiva de Norteamérica.

Pedaleando con Dahon por Stanford
Pedaleando con Dahon por Stanford

Os Estados Unidos integraron trala conquista do oeste as vellas tradicións do leste cos cartos do ouro californiano. Leiland Stanford, visionario do sistema ferroviario no far west, creou a máis elitista universidade do oeste, que illou as células nai, sintetizou o ADN e descubriu sistemas estelares de neutróns binarios. Pasaran dous anos des que o Presidente Obama salientara a súa contribución a retar e reimaxina-lo mundo e, desde 1980, o Stanford Humanities Center financiaba investigación de múltiples estudantes, entre elas Audrey, aceptada o verán anterior no seu programa de estudos culturais.

En Oakland, Jeannie falárame con preocupación de Audrey. A súa crianza supuxéralle dificultades considerables como nai solteira sen apoio. Con trece anos comezaran os trastornos alimentarios que dificultaran o seu desenvolvemento hormonal e que a levaran, coma a seu avó John, a seguir psicoterapia lacaniana en Oakland. A dedicación materna á antropoloxía biolóxica levara Audrey, filla única consentida, nunha dirección oposta ás ciencias sociais. A identidade lésbica da nai afastáraa da reivindicación de xénero e a ausencia paterna e maila ira baptista do avó bloqueaban a súa querenza polo xénero viril. 

Por un tempo, o seu enfado vital atopara nas desordes alimentarias unha forma organizada de protesta, mais a transición hormonal da adolescencia á mocidade leváraa a refuxiarse na condición non-binaria que apertaba desde o pregrao. Toda a familia sentiuse aliviada cando abandonou a militancia anoréxica, mais as diferenzas coa autoridade materna continuaban. O traslado a Stanford puxera a Bahía de San Francisco por medio coa familia, mentres unha parte dela quería achegarse ó pai.

Atopei Audrey, toda crecha cos seus rizos acibeche e pel moura, na entrada da Hoover Tower. Malia ó vencello con súa nai, a miña dupla condición de marcopolo mugardés en tránsito e profesor accidental de humanidades seica lle resultou curiosa. Deixei Dahon amalloada no bicicletario e comezamos un longo paseo desde Main Quad polo campus en peripatético diálogo. Faloume da súa procura decidida doutra maneira de estar no mundo: “todo é demasiado previsible” -espetoume. A súa profundidade fíxome esbozar un sorriso cómplice que relaxou a tensión inicial. “Certo” -retruquei- “mesmo a distinción é previsible”. Daquela engurrou o cello e afirmou “eu son diferente”. “Trump tamén é un presidente diferente-retrousei. “Si, está construído sobre a mesma base binaria entre o ben e o mal” -espetoume- mais gender is a galaxy. Sorrín sen articular palabra, mentres comezou a baduar sobre o seu proxecto de tese verbo das limitacións actuais do xénero. Audrey quería resolve-lo debate desde os estudos culturais: o xénero era hogano unha simplificación groseira, porque en realidade procedemos dunha simbiose homínido-alieníxena: “só un coñecemento das fluídas manifestacións do xénero pode liberarnos” -afirmou. E, ante o meu silencio, remachou: “séndomos resultado da hibridación extraterrestre, o binarismo é unha babecada”.

Chegando á Universidade Stanford
Chegando á Universidade Stanford

Audrey ía investiga-la identidade de xénero das persoas abducidas para demostra-lo seu carácter non-binario adoptando unha aproximación lacaniana ós estudos culturais consonte The left hand of darkness e outras catro novelas de fluído xénero alieníxena. Súa nai preguntábase se o resultado da tese sería similar ó das discusións bizantinas sobre o sexo dos anxos, mais a paixón que Audrey poñía no traballo intelectual en nada desmerecía a dos físicos de neutróns binarios. Eu limiteime a asentir en silencio, cavilando se a meditación sería a etapa final na súa evolución persoal, trala anorexia, o veganismo, o fluír de xénero e a ufoloxía.

Na configuración da identidade adulta -persoal, intelectual e emocional- a distinción humana xoga un papel fundamental. O elitismo binario de Stanford axudaba Audrey a construír un xénero fluído coma río de Heráclito e claro coma madeixa dunha vida en formación, etérea, fráxil e inestable.

Onda o Main Quad de Stanford
Onda o Main Quad de Stanford
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA