Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2021 | Actualizada ás 16:00
Residencias de maiores, centros de día e vivendas comunitarias disporán de papeleiras e cubos para que as persoas usuarias poidan separar os residuos que xeran. A iniciativa, posta en marcha pola Xunta en colaboración con Ecoembes, achegará a reciclaxe de residuos a máis de 540 centros de Galicia --176 en Coruña, 146 en Pontevedra, 129 en Ourense e 96 en Lugo--.
Todo iso para que os máis de 30.000 galegos e galegas maiores de 65 anos que residen ou son usuarios destes centros se convirtan en "embaixadores" da reciclaxe, segundo explican Xunta e Ecoembes nun comunicado. Así as cousas, habilitaranse 2.600 puntos de reciclaxe como cubos e papeleiras amarelas para envases de plástico, latas e briks e azuis para papel e cartón.
Ademais, tamén se instalará cartelaría, vinilos e outros elementos para colocar nos diferentes espazos do centro, que tamén acollerán actividades lúdicas e terapéuticas como xogos e manualidades sobre a reciclaxe.
"A reciclaxe non entende de idades", aseverou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que considera que o "compromiso" das persoas maiores "ten un gran valor", pois exercen de "exemplo" para as súas familias. Pola súa banda, a conselleira de Política Social, Fabiola García, manifestou que iniciativas deste tipo tamén serven para fomentar "un envellecemento activo" a través das actividades e xogos que se porán en marcha.
A responsable de RSC de Ecoembes, Beatriz Aylagas, destacou que a reciclaxe é unha cuestión "integradora e inclusiva, onde todos caben, tamén as persoas maiores, que ademais son un exemplo para o conxunto da sociedade en consumo responsable, reutilización e separación de residuos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.