Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/01/2022 | Actualizada ás 14:00
"Estudos mínimos, Bacharelato. Experiencia mínima de polo menos 1 ano e -valorable- falar galego". Estes son os requisitos mínimos para ser un rastrexador da Xunta. O Grupo Abai puxo un anuncio en distintas plataformas de busca de emprego hai un mes para contratar de urxencia un total de 50 persoas por un mes. O espectacular incremento de casos covid na sexta onda colleu ao Sergas e empresa que xestiona este servizo, a través de Extel, a contrapé.
"Persoal moi empático, capaz de identificar como pacientes cada unha das chamadas... Habilidade para descubrir a información, principalmente nos contactos para rastrexar... Persoa con gran xestión da emoción e que saiba manter a calma #ante situacións de #estrés", engadía a oferta.
O grupo Abai destaca que "é unha multinacional, de externalización de servizos, con máis de 3.700 empregados e 8 centros de traballo". A formación Inicial sería dun día a partir do pasado 10 de decembro e o horario en varias quendas; de mañá de 09:00 a 14:00 e de tarde de 16:00 a 20:00 aínda que era obrigatoria a presencialidade e traballar os fin de semana do 11 e 12 de decembro, 18 e 19 de decembro e 25 e 26 de decembro. Sobre o salario, esta multinacional asegura que "paga segundo convenio" un salario fixo por 33 horas semanais de 980 euros brutos ao mes e por 39 horas semanais, 1.159 euros brutos.
"POUCA" FORMACIÓN
Unha oferta que, segundo fontes dos traballadores consultadas por GC, quedou curta ante o aumento de casos polo que fixeron un chamamento aos propios operarios para que "avisaran a amigos ou amigas interesados" para facer teleformación o día antes do Nadal. "Non teñen xente suficiente traballando. Quedan moitos sen chamar... Contratan xente sen entrevistas e sen formacion,moitos nin saben falar galego porque son de fóra e obrigan a facer máis horas e a non coller días de descanso", apunta unha traballadora que se puxo en contacto con Galicia Confidencial durante o Nadal.
Abai Group, a empresa que xestiona o sistema de rastrexo e seguimento dos casos covid da Xunta a través de Extel, defendía o traballo de formación e teleformación que lle dan aos seus operarios e desmentía as críticas de "caos organizativo" recibidas por algúns dos seus propios traballadores e as denuncias dunha circular interna do pasado 24 de decembro publicada por GC na que informaban aos empregados que lles pagarían 20 euros se traían a un "amig@" para realizar teleformación.
"RIGUROSIDADE"
"Os traballadores no servizo de rastrexo da Xunta recibiron a formación previa que lles permite xestionar con axilidade e rigor os casos que se presentan", indicaba a empresa nun comunicado remitido a Galicia Confidencial. Así, lembraba que esta formación impártese de forma mixta, é dicir, presencial e por teleformación, para "cumprir co obxectivo de seguridade dos grupos iniciais e que non superen as recomendacións de concentración de persoas nunha sala sempre co ánimo de evitar máis contaxios".
A empresa sinala que comezou cun grupo inicial de 60 persoas que evolucionou de forma proporcional ao crecemento de contaxios, alcanzando hoxe unha cifra de 600 profesionais. Ademais, aclaraba que, desde o inicio do servizo, asignou un equipo de 8 formadores permanentes, que desenvolveron manuais e materiais formativos didácticos "que facilitan a aprendizaxe dos novos empregados e empregadas" o que facilitou, di, "traballar ininterrompidamente desde marzo de 2020 sen incidente algún".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.