Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 04/01/2022 | Actualizada ás 22:00
O risco de pobreza afecta en Galicia a 693.000 persoas, delas 250.000 estarían en pobreza severa. É dicir, dos 2.969.995 de persoas que viven no país, o 25.7% delas é pobre, e en pobreza severa estaría case un 10%. Non obstante, a cantidade de xente pobre ou que vivía cunhas limitacións nos seus ingresos e na súa calidade de vida aumentou por culpa da COVID. Isto, segundo fontes do terceiro sector, amorteceuse coa entrada en vigor dos ERTES e axudas á economía. E aínda así houbo persoas que non puideron achegarse a ningún dos diferentes incentivos e aportes económicos públicos para atender as súas necesidades básicas.
DESCRICIÓN DE POBREZA EN GALICIA
En 2020 a poboación pobre no país aumentou en 39.000 persoas con respecto a 2019. O INE (Instituto Nacional de Estatística) valora esta suba como a máis importante desde 2015. Á parte, a mesma enquisa indica que o 5,2% dos galegos e galegas sofren de carencias materiais severas. “Tiñamos constancia que a pobreza estaba afectando a persoas traballadoras en precario ou en economía somerxida, estes últimos non puideron acceder aos ERTES, por exemplo” din desde de EANP Galicia.
Se falamos de carencias materiais severas podemos deducir que entre ese nicho de poboación, hai nenos e nenas en idade escolar que seguramente non puideron ter acceso a conexión dixital durante o confinamento. “A fenda dixital sentiuse moito sobre todo en nenos e nenas que non tiñan computador ou conexión á Rede e debían usar un móbil dos pais e cunha tarifa de datos escasa”.
Desde a Xunta de Galicia, concretamente da Consellería de Política Social, responden que os datos que manexa o Goberno galego sobre os niveis de pobreza e exclusión social son os da Enquisa Estrutural de Fogares de 2020, que elabora o Instituto Galego de Estatística e que se deu a coñecer o pasado 28 de decembro. “Este estudo reflicte que Galicia contivo mellor que a media de España os efectos socioeconómicos da pandemia”. Sobre os datos que aporta, sinala que o índice de risco de pobreza e exclusión social (taxa Arope), Galicia sitúase seis puntos por debaixo da media nacional. “Aínda que no 2020 este índice experimentou un leve aumento de 0,6 puntos ata acadar o 19,5%, sitúase aínda lonxe do 23,6% que se acadou tras a crise económica de 2008”.
Non obstante, desde Política Social sinalan que “o número de galegos en risco de pobreza ou exclusión social é de 527.125, un 24% menos que no ano 2012, cando eran preto de 656.000”. Estas cifras parecen entrar en contradición coas cifras da Taxa AROPE anunciadas o 15 de xullo de 2020 e logo informe o ‘Estado da pobreza en Galicia 2020’, que revelaba as 694.367 persoas, o 25,7% da poboación galega, estaba en risco de pobreza ou exclusión social (AROPE) no 2020, 38.389 máis que o ano anterior.
VISIÓN DA POBREZA
Hai un fenómeno que desde AENP cualifican como “parcelación da pobreza”. Isto significa a división da pobreza segundo a dificultade de acceso a determinados produtos e servizos básicos. “Temos a pobreza enerxética, a pobreza de proteínas ou a pobreza menstrual, o caso é dividir a pobreza total, unha caste de divide e vencerás, como querer diluír a pobreza en categorías”.
“Tamén tendemos a ver a pobreza como sinónimo de miseria, cando isto último é unha parte desa pobreza”. Fenómenos como o chabolismo e a infravivenda en xeral, son considerados pobreza por persoas que sofren escaseza mais non se ven como pobres. “Ninguén quere que o vexan como pobre, mais cando non pagas facturas para comer a fin de mes, iso é pobreza, ou baixar o consumo de enerxía a niveis ínfimos” tamén é pobreza.
Un último factor, entre moitos máis, é o do traballo en precario que só permite uns ingresos moi baixos e que se son menos de 535€ ao mes, é pobreza severa. A precarización salarial axuda a baixar a calidade de vida das familias e son as mulleres o colectivo que máis sofre esta falta de ingresos dignos.
SOLUCIÓNS?
O 27 de decembro asinábase a segunda Axenda Social Única de Galicia entre Xunta, FEGAMP e Terceiro Sector de Acción Social. “Foi un traballo de dous anos con avances e freadas como foi a pandemia”. Os puntos que se rexistraron no documento son a educación universal e de balde para nenos e nenas de 0 a 3 anos, a Tarxeta Básica ou inserción sociolaboral. Tamén medidas para familias monoparentais, saúde mental, loita contra burocracia, actualización da Lei de Inclusión, fenda dixital, exclusión bancaria, loita contra o chabolismo e a infravivenda, violencia de xénero ou recoñecemento explícito das entidades do Terceiro Sector Social.
Desde a Xunta sinalan que o investimento da Axenda Social Única 2024 para o ano 2021 “foi de 402 millóns de euros, é dicir, nunha soa anualidade xa se duplicou o orzamento de todos os anos da anterior axenda sumados”. O orzamento dos vindeiros anos “irase consensuando coa Fegamp e as entidades sociais para atender ás necesidades de cada momento”.
A axenda social traballa sobre as “Tres C”: causas, coordinación e compromiso e diálogo civil. Estas vías son coas que se pretende a redución dos índices de pobreza en Galicia. “A pobreza en Galicia non baixou nunca do 20 ou 19%” sinala AENP. A Coordinación pedía a xestión de fondos contra a pobreza de maneira conxunta entre todas as administracións, sen que houbese diferentes sistemas de cobertura. O diálogo e compromiso buscaba sentar a todas as partes implicadas para chegaren a acordos como a Segunda Axenda Social.
As causas é ir directamente ao problema desde onde nace a pobreza. “Hai un conxunto múltiple de factores en Galicia, entre eles está que a desigualdade sempre estivo aí, o sistema produtivo obriga á xente pobre a coller postos con salarios baixos e logo está o encarecemento dos prezos da vivenda”. Non só da vivenda senón da enerxía, da alimentación e de outras necesidades básicas. “A suba de prezos débese ao sistema oligopolístico que hai en España, uns poucos reparte o pastel” ben sexa da construción, da enerxía ou da alimentación. Todo para sacar o maior rendemento.
A COVID elevou cifras de pobreza. Isto e a anterior crise de 2008 parecen ter feito reflexionar á clase política e financeira de que se debía evitar unha “apocalipse” insalvable. A pesar de todos os esforzos, IMV, Risga, ERTEs e outras fórmulas, a pobreza no país segue tendo uns índices que supoñen un cuarto da poboación total en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.