A 'volta ao cole' producirase finalmente nas datas previstas e será totalmente presencial

O alumnado volverá ás aulas o vindeiro luns 10. Os menores de 12 anos que sexan contactos estreitos dun positivo terán que gardar corentena estean ou non vacinados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2022 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

O Goberno anunciou este martes un acordo por "unanimidade" coas comunidades autónomas para que a 'volta ao cole' tras as vacacións de Nadal se produza nas datas previstas, para o 10 de xaneiro, e que sexa totalmente presencial.

Así o confirmou a ministra de Sanidade, Carolina Darias, na rolda de prensa posterior á reunión conxunta mantida cos ministros de Educación, Pilar Alegría, e Universidades, Joan Subirats, na que se abordou a continuación das clases no segundo trimestre deste curso 2021-2022 cos conselleiros de materia educativa e universitaria das autonomías.

Unha nai con dous nenos.. ORBON ALIJA - Arquivo
Unha nai con dous nenos.. ORBON ALIJA - Arquivo

Polo tanto, tamén a volta ás aulas en Galicia será o vindeiro luns, día 10 de xaneiro, de forma presencial. A Xunta indica, por outro lado, que os menores de 12 anos que sexan contactos estreitos dun caso positivo en covid-19 deberán facer corentena ao non contar aínda este colectivo coa pauta completa de vacinación; é dicir, que afectará a todos os rapaces independentemente de que recibiran ou non o preparado.

Así o avanzou este martes o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha rolda de prensa ofrecida tras participar de forma telemática na reunión extraordinaria do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) celebrada xunto á Conferencia Sectorial de Educación e a Conferencia Xeral de Política Universitaria.

Na súa intervención, o conselleiro ratificou que a volta aos colexios terá lugar o día 10 de forma presencial pero mostrou a súa preocupación polos "cambios" na "vixilancia e xestión" dos casos positivos dos nenos. A este respecto, precisou que os maiores de 12 anos que dean positivo nunha proba PCR ou nun autotest "deberán illarse". Do mesmo xeito que a poboación adulta, todos os contactos estreitos que non estean vacinados deberán facer corentena durante sete días.

LIÑAS COMPARTIDAS CO GOBERNO

Os apuntamentos da Xunta van paralelos aos do Goberno central. A ministra Darias xa apuntou previamente a aposta conxunta pola "presencialidade de todo o noso alumnado a partir do próximo 10 de xaneiro en todo o territorio nacional", sinalou. Segundo recalcou, houbo "unanimidade" entre as rexións e o Goberno para acordar a volta ás aulas de maneira presencial e nas datas previstas.

Durante as últimas semanas, tras o incremento de contaxios pola variante Ómicron, albiscouse a posibilidade de que o regreso ás aulas se atrasase e que a actividade docente se reiniciase de forma telemática ou semipresencial, pero tanto o Goberno, como as autonomías e a comunidade educativa no seu conxunto demandaban a máxima normalidade nos centros educativos. Algo que finalmente se produciu.

Segundo afirmou a ministra de Sanidade, garantirase a ventilación cruzada; o uso de máscaras; a apertura de todos os centros educativos e a máxima presencialidade a partir do 10 de xaneiro; intensificarase a comunicación e difusión a toda a comunidade educativa sobre as medidas de prevención; reforzarase a vacinación infantil; e reforzarase o cumprimento de todos os protocolos nos centros universitarios e residencias.

CAMBIAR AS CORENTENAS

Con todo, o Ministerio de Sanidade non descartou este martes eliminar as corentenas nos centros educativos e recoñeceu que se estudará a medida, ao mesmo tempo que descartou que os test de antíxenos se vendan nos supermercados, como ocorre en países como Alemaña ou Portugal.

Así o manifestou a ministra Carolina Darias na rolda de prensa posterior á reunión conxunta mantida cos ministros de Educación, Pilar Alegría, e Universidades, Joan Subirats, na que se abordou a continuación das clases no segundo trimestre deste curso 2021-2022 cos conselleiros de materia educativa e universitaria das autonomías.

Algúns conselleiros das comunidades autónomas si que expuxeron a posibilidade de reducir as corentenas, tal e como ocorre na poboación adulta ao pasar de dez días a sete, pero Darias remitiuse á proposta do relatorio do Sistema Nacional de Alerta Precoz e Resposta Rápida (SIAPR) e defendeu que a posición do Goberno é "ir da man da evidencia científica". "Imos esperar pero xa temos protocolos xerais que son aplicables. As corentenas fóronse modificando e temos que estar atentos á evidencia que se xere. O importante é camiñar xuntos de maneira coordinada", sostivo.

EDUCACIÓN DESTACA O BO FUNCIONAMENTO DO PROTOCOLO GALEGO

Por outro lado, preguntado polas peticións de ANPAS para reducir o cociente de alumnos por clase para evitar contaxios, o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila, destacou que os protocolos actualmente vixentes "basicamente son os que se executaron con éxito no curso 2020/2021".

"Sempre dixemos que todos os recursos materiais e humanos que se necesitasen nos centros estarían", sinalou para asegurar que "hai máis profesorado que no curso 20219/2020" e que Galicia "ten o cociente máis baixo de profesorado/alumnado xunto con Estremadura".

"As medidas organizativas, as medidas de recursos materiais funcionaron o curso pasado, están funcionado este curso", sinalou para incidir na necesidade de manter a vixilancia para que "haxa máscaras, ventilación cruzada e distancia". "Sabemos que o protocolo funciona e os centros sempre foron parte da solución, nunca un problema", apuntou.

Ademais, sinalou que malia a porcentaxe de nenos aínda sen vacinar, os centros sempre "mantiveron uns niveis de afectación na media moi por baixo do que se podería esperar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta