Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/01/2022 | Actualizada ás 16:47
A Fundación Franz Weber censurou o uso de dromedarios na cabalgata dos Reis Magos de Ourense xa que considera que "transmite aos nenos unha imaxe completamente irreal do comportamento natural e as necesidades dos dromedarios, contribuíndo a cosificar a estes animais".
A actividade foi contratada polo Concello "ignorando as queixas cidadás e de colectivos", sosteñen os animalistas, que advirten sobre as consecuencias negativas deste tipo de prácticas.
Na súa opinión, sométese aos animais a "contextos de tensións innecesarias" por "o mero" entretemento e decoración. Xa en 2016 a Asociación de Veterinarios Abolicionistas da Tauromaquia e dos Malos tratos Animais (Avatma) publicou un informe no que evidenciaban o "sufrimento físico e emocional" que poden chegar a padecer os animais en cabalgatas e desfiles, lembra.
"O MELLOR NADAL"
Mentres tanto, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, remarcou que "a pesar de estar inmersos nunha pandemia global", nesta cidade houbo o "mellor Nadal da historia".
Segundo os datos achegados polo concello, a cabalgata reuniu a 20.000 persoas, o que, a xuízo do alcalde, supuxo un "sensacional peche" á programación do Nadal.
En canto aos dromedarios, Pérez Jácome remarcou que agradaron especialmente aos nenos xa que "ao ver que viñan en dromedarios dicían que a Ourense chegaran os Reis de verdade".
En canto ao resto de actividades, destacou que a iluminación foi a "mellor e máis extensa porque chegou a máis sitios que nunca" e que a acollida do resto de actividades, como os poboados do Nadal, parques de aventuras e a programación do Nadal no Auditorio Municipal, foi "excelente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.