78 mortos nas estradas galegas en 2021

Son oito máis que en 2020 e dez falecementos menos que en 2019.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/01/2022 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

Os accidentes de tráfico nas estradas de Galicia durante o ano 2021 cobráronse 78 vidas, o que supón oito máis que en 2020, en que houbo varios meses de confinamento da poboación xeral. Con respecto a 2019, producíronse dez falecementos menos como consecuencia dos sinistros.¡

Un coche accidentado nunha pista tras un accidente de tráfico
Un coche accidentado nunha pista tras un accidente de tráfico | Fonte: Garda Civil.

Tamén subiu a cifra de accidentes mortais con respecto ao ano anterior, de maneira que en 2021 rexistráronse 74 accidentes con vítimas mortais, fronte aos 67 sinistros de 2020 e os 81 de 2019. Ademais, os 2.213 accidentes rexistrados con vítimas, deixaron 307 feridos, 23 máis que o ano anterior, noque se contabilizaron 2.065 sinistros (148 menos en 2020 que en 2021).

Así figura nos datos do informe elaborado pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), cuxo balance xeral foi presentado este venres polo ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, e o director deste departamento, Pere Navarro.

O ano 2021 finalizou con 1.004 falecidos nas estradas españolas, o que supón un incremento do 15 por cento respecto das cifras de 2020 --ano con restricións de mobilidade--, cando faleceron 870 persoas e se converteu no mellor ano da serie histórica. En calquera caso, o pasado exercicio convértese no segundo con menos falecidos, cunha redución do 9 por cento respecto de 2019, ano anterior á pandemia.

De novo, en Galicia, por provincias, A Coruña é a que máis accidentes mortais rexistrou, con 34 e outros tantos falecidos. Séguenlle Pontevedra, con 21 falecidos en senllos accidentes; Lugo, con 11 falecidos e sinistros, e Ourense, con oito.

En canto aos accidentes con vítimas, A Coruña contabilizou 870, con 138 feridos graves; Pontevedra, 869 con 87 vítimas graves; Lugo, con 40 feridos graves e 261 sinistros; e Ourense, con 213 e tamén 40 vítimas graves.

En canto ao tipo de vía no que se produciu o accidente, 70 dos sinistros mortais tiveron lugar nunha estrada convencional, fronte a oito en autoestradas e autovías.

A maior parte dos accidentes mortais foron saídas de vía (36), seguidos de colisión frontal (15), colisión lateral e frontolateral (13) e unha colisión traseira. A isto hai que sumar 11 atropelos a peóns, 5 máis que en 2020, pero dez menos que en 2019.

Dos 78 falecidos, 57 eran homes e 21 mulleres. Ademais, confírmase tamén o peso dos usuarios vulnerables (peóns e motoristas) na accidentalidade mortal de Galicia, xa que representan o 33% da accidentalidade mortal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta