A fenda dixital na escola, falta de vontade da Xunta?

As aulas telemáticas supuxeron un cambio radical no concepto de impartir o ensino en tempos da COVID. Colectivos de profesores e de pais de alumnos consideran que o reparto de elementos electrónicos entre docentes e alumnado non significou cambio algún nos métodos lectivos. Por outra parte, as particularidades xeográficas tampouco xogaron moito a favor do acceso á Rede.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 16/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A conexión das aulas públicas coa Rede para explotar todas as súas posibilidades didácticas é un paradoxo. Así o senten algúns pais e profesores cando describen a situación actual de acceso á dixitalización do ensino en Galicia. Programas como EDixgal en teoría fomentarían a entrada de nenos e docentes a unha fonte de recursos incontables para a aprendizaxe. Por contra, centros públicos do rural, de áreas de montaña ou afastadas das principais “autoestradas” de conexión dixital. Tampouco a cesión de material electrónico supuxo un paso adiante para a conectividade total dos centros, segundo as fontes consultadas. E todo isto durante un período como o confinamento pola COVID cando nenos e nenas deberon pecharse nos seus fogares, quedando algúns pendentes das conexións por móbil ou de wi-fi comunitarias que non funcionaban como era preciso.

Unha estudante fronte ao ordenador
Unha estudante fronte ao ordenador | Fonte: EFE

TODOS CUBERTOS?

“Xa en 2020 denunciaramos o feito de haber persoas, cando menos, sen recursos abondo para conectarse á Rede” di Lois Pérez de STEG. A realidade chocaba coas expectativas da Xunta e en concreto coa Consellería de Educación. Así, mentres o departamento de Román Rodríguez anunciaba programas como E-Dixgal, para usar Internet como ferramenta educativa en todas as súas posibilidades “había nenos e nenas que pola súa ubicación non poderían seguir o ensino a distancia”. Durante ese período tanto en fogares con escasos recursos como en espazos onde a conexión só se facía mediante datos móbiles, pais e profesores tiraron de recursos propios.

A cualidade disociativa da “fenda dixital” entre o alumnado deixou ver que as políticas de accesibilidade dixital non chegaron a tempo a Galicia. Aínda máis, para Fernando Lacaci, de ANPAs Galegas, existen tres “fendas dixitais”. A primeira delas é a fenda da conectividade á rede. “Traballouse moi pouco e os prazos anunciados para a chegada de conexións non se cumpren, mesmo con caídas de Internet en áreas urbanas”. A segunda das fendas é a capacidade persoal para o uso de Internet. “Se non sabes usar unha ferramenta correctamente non poderás traballar ben”. Por último a “fenda familiar, que é cando a familia non ve como algo serio o uso de Internet para estudar e todo son dificultades para o alumno no momento de usala”.

“Galicia está na cola en canto fibra óptica o que marca as posibilidades para conectarse” sinala Pérez. O membro do STEG sinala como insuficientes os intentos de levar adiante proxectos relacionados coa dixitalización das aulas, “e algúns dos que hai quedaron lonxe de antender as necesidades educativas” que a Rede viña solucionar. Pérez engade que “non poño en dúbida as intencións das persoas, mais si poño en dúbida a ideoloxía que non aposta polo ensino público”.

RETICENCIAS AOS NOVOS MODELOS

“A introdución na Rede debera traer un novo modelo educativo, mais a Consellería non quere que o proceso de dixitalización sexa visto como forzoso” declara Fernando Lacaci de ANPAs. A falta de autoridade da Consellería  explicaríase polo seu temor ás reticencias do profesorado, de pais e nais de alumnos a unha dixitalización completa. “Para moitos segue sendo máis doado encher o formulario en papel que vía electrónica ou facer que o caderno e libro de texto se vertan no ordenador”.

Desta maneira, todos os programas de Educación destinados á mellora tecnolóxica do ensino acaban sendo unha entrega de ferramentas que non se saberán usar. Nese sentido, Lacaci describre a situación deste xeito: “a Xunta di ter posto todas as ferramentas para dixitalizar o ensino, mais debera forzar o uso desas ferramentas”. A cuestión é que coa negativa duns poucos este proceso entra en ralentización. Un exemplo sería o mencionado Edixgal. “A Xunta quere facelo pasar por dixitalización mais realmente non ofrece nada, non abre todo o abano de ofertas que dá a dixitalización”.

A todo isto engádense posturas desde a administración autonómica que son cualificadas como de “desleixo”. Nalgunhas reunións sobre como afrontar a cobertura dixital, “o anterior equipo da Consellería parecía resignarse a que non se podía facer nada ante a falta de cobertura en áreas afastadas ou illadas” destaca Lois Pérez. En tal caso, unha solución é que desde o goberno galego se habiliten axudas para “que as familias poidan ter mellor acceso á Rede”, ademais de que a sociedade interiorice a cuestión da dixitalización como algo serio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta