Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/01/2022 | Actualizada ás 22:00
A nova PSdeG culminou este luns o último proceso que lle quedaba; a renovación da Cámara galega. Un proceso que se iniciou o pasado 30 de outubro coa elección de Valentín González Formoso como novo secretario xeral tras gañarlle nas primarias a Gonzalo Caballero polo 60% dos votos, e remata coa elección dun equipo de persoas da súa confianza no Parlamento. Pero a nova etapa aberta no Partido Socialista non remata coas tensións existentes con Gonzalo Caballero.
Neste equipo estará o lucense Luís Álvarez, que substituirá a Gonzalo Caballero como voceiro socialista na Cámara. Unha nova etapa no que o acompañarán Begoña Rodríguez Rumbo --próxima ao secretario xeral--, o arousán Julio Torrado --responsable da área sanitaria e que soou tamén para asumir a portavocía parlamentaria--, e a viguesa Leticia Gallego.
Valentín González Formoso acudiu á Cámara galega para presentar ao novo voceiro e escinificar, deste xeito, quen manda agora no PSdeG. Así, estivo na primeira reunión do Grupo parlamentario que xa dirixe "en sintonía" coa dirección da formación socialista o deputado Luís Álvarez, ata agora responsable da área de educación.
En rolda de prensa, Álvarez fixo fincapé en que se "abre unha nova etapa" e que, agora, porase énfase" nas iniciativas, sen relevancia de quen será quen as defenda. "Agora o importante son as iniciativas, non que persoas compoñen o grupo parlamentario", dixo e insisitiu en que "o importante son que iniciativas traslada o PSOE e non que persoas compoñen o grupo parlamentario", nunha clara alusión a Gonzalo Caballero.
De feito, un dos principais retos de Valentín González e do novo voceiro parlamentario, Luís Álvarez, será "recolocar" a Caballero. O propio Álvarez dixo que se lle buscará un "encaixe" para que se sitúe onde considere que pode achegar". Tamén falta por saber a situación na que quedan os outros dous ata agora portavoces suplentes --o coruñés Pablo Arangüena e a pontevedresa Paloma Castro--, da máxima confianza de Caballero.
CABALLERO
Precisamente, en declaracións aos medios, o xa ex voceiro parlamentario manifestou os seus "desexos de éxito" a Luís Álvarez e á nova dirección no camiño para o PSOE, e tras reiterar a súa "disposición" a traballar no que se considere máis adecuado, lembrou que non lle corresponde a el dirixir os tempos.
En todo caso, considerou "importante" que "todas as sensibilidades estean o máis cómodas posible" e incidiu en que, a el lle tería gustado que as distintas sensibilidades do PSdeG "tivesen integración" na dirección. "Pero eu vou cumprir as miñas responsabilidades, coa miña lealdade a todos e seguir remando. O tempo acabará perfilando os éxitos entre todos", sinalou.
Fontes consultadas por GC apuntan que Gonzalo Caballero manterase activo e que, a pesar de non ter unha visibilización oficial, continuará realizando unha "activa actividade política", tanto na Cámara como fóra dela. De feito, apuntan que desde que remataron as primarias e, a pesar de non gañalas, "seguiu mantendo encontros coa militancia -- a última esta fin de semana no Rosal-- e mantendo vivo o seu proxecto dentro do PSdeG". Un proxecto "diferente" ao de Valentín González, "máis socialista e máis galeguista".
ELECCIÓNS PROVINCIAIS
De feito, os afíns a Caballero agardan manter certo poder de mobilización nos distintos congresos provinciais que se celebrarán nas vindeiras semanas e onde hai candidatos afíns a el en Pontevedra, A Coruña e Ourense.
Sobre isto, González Formoso dixo que todos poden ter as súas propias aspiracións no partido e no grupo pero advertiu que "non serve ensimesmarnos en nós mesmos", mensaxe que se mostrou seguro de que vai calar na sociedade e internamente. Por iso, mostrouse seguro de que haberá "sintonía absoluta" unha vez conclúa a renovación das direccións, e isto permitirá tamén "pasar páxina ao día seguinte do que decida o partido".
De feito, en Lugo, os aspirantes a liderar o PSOE provincial pecharon un acordo para presentar unha candidatura única que estará liderada polo presidente da Deputación, José Tomé, quen será o novo secretario xeral na provincia. O pacto, do que informou este luns o partido nun comunicado, recolle que o alcalde de Castroverde, José María Arias, ocupe un posto de "máxima relevancia" como é a Vicesecretaría Xeral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.