A CIG denuncia que a Xunta pretende desmontar o servizo contra incendios derivándoo aos concellos

Aseguran que a futura lei contra incendios afondará na precariede dos traballadores e cuestionan a creación dun "ente instrumental específico" que tachan de chiringuito.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/01/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Os avances da futura lei de incendios anunciados por Medio Rural, que asegura que busca profesionalizar as brigadas, veñen de ser calificados pola CIG de "procedemento opaco disfrazado de profesionalidade". Porque, tal e como indican, dende a CIG censuran, ademais de que o documento non se negociou coas organizacións sindicais, que o único que fai é afondar na división do servizo de incendios e precarizar o traballo.

Axentes forestais traballan nas tarefas de extinción de incendios dun lume no municipio de Ribas de Sil, na parroquia homónima, moi próxima a Rairos, a 6 de setembro de 2021, en Ribas de Sil, Lugo, Galicia (España). Este novo incendio, o se. Rosa Veiga - Europa Press
Axentes forestais traballan nas tarefas de extinción de incendios dun lume no municipio de Ribas de Sil, na parroquia homónima, moi próxima a Rairos, a 6 de setembro de 2021, en Ribas de Sil, Lugo, Galicia (España). Este novo incendio, o se. Rosa Veiga - Europa Press

"Dende a CIG sempre defendemos que a mellora do servizo e o avance para a  profesionalización non dependía dunha nova lei" afirma a CIG. Segundo a central sindical, malia que a Xunta tiña o mandato parlamentario de seguir as directrices emitidas logo da vaga que arrasou Galicia no 2017, derivou "habilmente a atención para non cumprir ou atrasar as accións de reforzo do servizo e a súa profesionalización". Así as cousas, agora o que pretendería o Goberno galego coa lei sería arrasar co Servizo de Incendios Forestais da Xunta derivándoo cara os concellos e creando "un chiringuito de coordinación".

 

O sindicato sostén que a futura lei contra incendios supón unha volta ao modelo de brigadas municipais creado nos anos 90 que "choca frontalmente" coa profesionalización. A Xunta, afirman, en vez de completar a profesionalización do servizo pasando o contrato do persoal de 6 meses a todo o ano, o que fan e contratar cos concellos. "É radicalmente imposible a pro-

fesionalización cun traballo de seis meses que deixa ao persoal tan precarizado que os obriga a vivir por debaixo do límite da pobreza xa que nin se achegarían ao salario mínimo en cómputo anual", zanxan.

 

A CIG cuestiona ademais a proposta de creación dun "ente instrumental específico" para coordinar ás administracións públicas afectadas, que tachan de "insulto" e "chiringuito". "Esa é a función da Consellería do Medio Rural, unha vergonza inédita para derivar recursos e responsabilizar aos concellos da extinción", reproban.

Para a realización da proposta da lei de incendios contratouse á Universidade de Vigo, que elaborou unha sondaxe con grupos de traballo nos que as organizacións sindicais tiñan o mesmo peso que unha asociación ou colexio profesional, asociacións da industria ou empresariais. A CIG reitera por estas razóns o seu rexeitamento a participar dunha estratexia "que anulaba a obriga legal da negociación colectiva a través das mesas de negociación da administración pública e incluso deixaba ao marxe as organizacións non amigas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta